O conselleiro de Educación visita o novo CEIP Xesús Golmar de Lalín
As obras de reposición e equipamento do colexio supuxeron un investimento de preto de 5,5 millóns de euros por parte da Consellería
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Xesús Golmar de Lalín, cuxos 555 alumnas e alumnos comezarán en breve a facer uso das novas instalacións. Deste xeito o conselleiro comprobou o resultado das obras e o investimento en equipamento, realizadas neste centro, nas que Educación investiu preto de 5,5 millóns de euros.
Tal e como anunciou Vázquez Abad, o traslado do alumnado do centro antigo ao novo realizarase tras a Semana Santa. Durante esa semana de vacacións, aproveitando que o centro estará baleiro, trasladaranse o mobiliario e materiais, co fin de que o alumnado xa poidan utilizalos no centro novo cando volvan ás aulas.
O novo edificio do Xesús Golmar, visitado hoxe polo conselleiro, conta con 12 aulas de educación infantil e 18 de primaria, ademais de 6 aulas para pequenos grupos. O conxunto da obra consiste na construción de tres volumes conectados entre si, o principal composto de planta semisoto, baixa e dúas alturas nas que se organizan a maioría dos espazos educativos do programa de necesidades; e os outros dous volumes dunha planta cada un, onde se situarán os patios de xogos que complementan a zona de infantil e o ximnasio. Estas dúas edificacións están conectadas co volume principal a través de accesos cubertos.
En total o centro dispón de máis de 5.000 metros cadrados construídos. No semisoto ubícanse a sala de usos múltiples, o comedor, a cociña, os almacéns e a sala da calefacción. A planta baixa será ocupada polo alumnado de infantil, e conta con 12 aulas, espazos comúns, aseos e almacéns. Ademais sitúase neste andar a zona administrativa do CEIP, integrada por despachos, sala de profesores e sala de AMPAs.
O primeiro e segundo andar acollerá aos estudantes de primaria, en 18 aulas. Estas plantas contarán tamén con aseos e almacéns, e albergarán o taller de música, a aula de informática e a biblioteca. Cómpre destacar que este último espazo conta tamén co apoio da Consellería a través dunha achega de 21.500 por medio do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Resposta ás necesidades
Vázquez Abad destacou a importancia do investimento realizado pola Consellería no colexio lalinense, “especialmente nestes tempos de crise económica”. “Isto demostra- engadiu- o compromiso da Xunta de Galicia con Lalín e coa súa comunidade escolar, dando resposta as súas necesidades en materia de mellora de infraestruturas educativas”.
Ademais o conselleiro destacou que o CEIP é un referente de vangarda en materia construtiva. Neste sentido explicou que se trata de espazos funcionais e modernos, construídos con materiais lixeiros, e con predominio do uso do cristal no peche dos espazos, o que facilita a entrada da luz. “Isto –dixo- supón ao mesmo tempo unha aposta polo aforro de enerxía, e pola integración coa contorna”.
Por outra banda, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou que, tras o traslado e a demolición do centro antigo darán comezo os traballos para a urbanización exterior dunha parcela de case 7.000 metros cadrados, que dotará ao centro de espazos libres, aparcadoiros, novas zonas deportivas e espazos de xogos e recreo.
Con motivo da celebración do día do Árbol o conselleiro plantou unha árbore espazo verde do novo centro educativo. Durante a visita a directora do centro, María Jesús Froiz, que acompañou a Vázquez Abad durante a visita. Un percorrido que tamén realizaron o secretario xeral da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.