Once orientadores europeos coñecen o sistema educativo galego no marco do Programa de mobilidade ‘Academia’
A subdirectora xeral de Orientación Profesional recibiunos esta mañá na Consellería
Once orientadores europeos coñecen desde hoxe ata o vindeiro 25 de marzo os sistema educativo galego no marco do Programa de mobilidade ‘Academia’. Así, e co fin de que a visita sexa frutífera, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organizou as xornadas ‘A Orientación académica e profesional no noso sistema educativo. Transición á vida activa e laboral’, que comezaron hoxe co recibimento da subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación coas Empresas, Mª Eugenia Pérez, aos visitantes.
Durante o primeiro acto destas xornadas, a subdirectora informou aos orientadores europeos das distintas accións que a Consellería está desenvolver nesta materia, e destacou a posta en marcha do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia ‘eduemprende’, que supón unha aposta clara e firme pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios da cultura do empredemento, “que favorece a empregabilidade entre o noso alumnado, e mellora a inserción laboral e a creación de emprego”.
Ademais valorou as repercusións positivas de programas como o ‘Academia’, “no que se ofrece a posibilidade de poñer en común diversas experiencias e boas prácticas que no campo da orientación profesional se están a realizar en diferentes países”.
Percorrido polo sistema educativo galego
Tras o acto de recibimento os once profesionais da orientación, procedentes de Francia, Noruega, Eslovenia, Finlandia, Bélxica, Reino Unido e Italia, visitaron o Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, acompañados por persoal da Consellería. Nos vindeiros días percorrerán varios centros galegos nos que se imparten ensinanzas de formación profesional. Neles poderán coñecer en primeira persoa os servizos de información e orientación desenvolvidos na nosa Comunidade para axudar aos mozos e mozas no período de transición do sistema educativo ao mundo laboral.
Ademais, os visitantes coñecerán o funcionamento dos centros integrados de formación profesional en Galicia, terán tamén a oportunidade de ver como traballan os servizos de información e orientación no ámbito universitario, e nos Equipos de Orientación Específicos. Para completar a súa estadías estes profesionais visitarán o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela.
Academia é un proxecto europeo anual de mobilidade, dirixido aos profesionais da Orientación Profesional, principalmente orientadores e profesorado de Formación e Orientación Laboral (FOL); encadrado dentro do Programa Leonardo da Vinci. Está organizado polo Ministerio de Educación, a través do Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional (CNROP), en colaboración coas Comunidades Autónomas.