Máis de 13.700 persoas inscribíronse nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior e grao medio
Destaca o éxito da convocatoria para grao superior, na que se incrementou un 15,7% o número de inscritos
Un total de 13.752 persoas quedaron inscritas nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior e grao medio, que se celebrarán os vindeiros meses de abril e xuño, respectivamente. Destaca o éxito nesta convocatoria das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior, nas que a inscrición chegou ás 8.084 persoas, o que supón un incremento de máis do 15,7% no número de inscritos con respecto ao ano pasado, cando solicitaron realizar as probas 6.985 persoas. No caso dos exames para o acceso ao grao medio, rexistráronse 5.668 inscritos.
Deste xeito queda de manifesto a importancia que a formación profesional está a gañar no sistema educativo galego, de acordo coa estratexia de posta en valor destas ensinanzas que está a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Tanto os exames para acceder a ciclos de Formación Profesional de grao superior como aos de grao medio teñen un carácter totalmente gratuíto para os cidadáns.
A quen van dirixidas?
No caso das probas de acceso a FP de grao superior, estas van dirixidas a quen non cumpran os requisitos académicos esixidos para o acceso, sempre e cando teñan cumpridos dezanove anos ou os cumpran no ano natural de celebración da proba. Así mesmo poderán presentarse a estes exames quen cumpran ou teñan cumpridos dezaoito anos no 2011 de celebración da proba, e dispoñan dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción á que opta.
As probas para o grao medio poderán realizalas quen non cumpra os requisitos académicos esixidos para acceder a estes ciclos e teñan cumpridos dezasete anos ou os cumpran neste ano.
Contido das probas
Para o grao medio as probas estrutúranse nunha parte sociolingüística, que consta de exames de lingua castelá, lingua galega e ciencias sociais; parte matemática, cun só exame desta materia; e parte científicotécnica, organizada nunha proba de ciencias da natureza e outra de tecnoloxía.
Respecto do acceso ao grao superior, os aspirantes deberán superar unha parte común, que conta de probas de lingua galega, lingua castelá e matemáticas; e unha parte específica. Nesta última os candidatos deberán escoller unha das tres opcións propostas e, dentro dela examinaranse de dúas materias. As opcións e materias vencelladas son as seguintes:
– Opción A: economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía.
– Opción B: debuxo técnico, tecnoloxía industrial, e física.
– Opción C: ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.
Certificación e vixencia
Unha vez superadas as probas para o acceso ao grao superior, os aspirantes obterán unha certificación na que constará a nota final e a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso a ciclos en función da opción elixida. No caso do grao medio, a certificación – no caso do ter o exame aprobado- dará a posibilidade de acceder a calquera ciclo formativo de grao medio.
Para quen realizaran a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superaran na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.
Facilidades
Como novidade para este ano, e para facilitar o acceso ao maior número de interesados, introdúcese a posibilidade de que as persoas que nas convocatorias de 2009, 2010 e 2011 superaran algunha das partes da proba de acceso na Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicitar certificación de ter superado a proba. Para iso deberán estar en condicións, logo de rematado o proceso, de acreditar nas partes non superadas algunha das causas de exención previstas, tales como a realización de programas de cualificación inicial ou dispor dun certificado de profesionalidade.
As exencións previstas, así como toda a información relativa ás probas pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/fp/files/probas11/Nota_%20informativa_%20probas...