A oferta de emprego público da Consellería de Educación axústase ao establecido polo Ministerio
O Goberno central puxo un límite máximo do 30% de reposición na convocatoria de prazas docentes
Para efectuar a vindeira convocatoria de oposicións no presente ano, a Consellería de Educación aplicou unha taxa de reposición do 30% das prazas -o máximo legal permitido polo lei de Orzamentos do Estado- para non incorrer en posible inconstitucionalidade, e despois das advertencias que nese sentido se lle formularon desde o Ministerio de Política Territorial e Administración Pública. En efecto, o director xeral de Desenvolvemento Autonómico do citado Ministerio, notificouno a través dunha carta, facendo expresa mención de que a Xunta debe acomodarse á devandita lei “a fin de evitar o recurso de inconstitucionalidade”.
Ademais, o Ministerio –que convocou unha xuntanza da Comisión Bilateral de Cooperación para o día 25, á que asistirá a Xunta- consideraba que a Lei de orzamentos de Galicia cometía “extralimitación competencial”, ao establecer no seu artigo 29-1, parágrafo segundo, que non se tomarían en consideración, a efectos de limitación cuantitativa da oferta de emprego público “as substitucións das xubilacións incentivadas, cando afectasen á prestación de servizos docentes (xubilacións LOE)…”.
Cómpre sinalar que a taxa do 30% é unha imposición da Administración socialista do Estado que obriga a aplicala sobre as xubilacións do ano 2010 que, ao ser 898, posibilitarían a convocatoria de 269 prazas (se aplicaramos o máximo permitido do 30%) e que, en definitiva, foi o que fixo a Consellería, xa que convoca 268.
Segundo a mencionada lexislación, a Consellería non está obrigada a convocar o número máximo de prazas, polo que ao acadar ese máximo do 30%, o que está a facer é demostrar que está apostando pola calidade do ensino, mesmo nunha situación de crise como a actual.
Polo demais, a Administración –tanto a estatal como as autonómicas- considera que para que a xestión do persoal sexa a correcta, é aconsellable unha cifra de interinidade que se estima entre o 5 e o 7%. A cifra actual no Corpo de mestres é do 2,93%, unha porcentaxe que, para o ano, aumentará a un estándar máis recomendable para un mellor funcionamento.