O conselleiro de Educación anuncia a licitación do proxecto de execución das obras de reforma do IES Eusebio da Guarda, na Coruña
Xesús Vázquez Abad explicou que a obra ten orzamentados preto de sete millóns de euros
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de anunciar a licitación do proxecto de execución das obras de reforma do CEIP Eusebio da Guarda. Un anuncio realizado hoxe pola maña durante un encontro mantido coa directora do centro, María Isabel Ruso de Lago así como con parte do equipo directivo e representantes do centro educativo.
Na reunión, que tivo lugar na delegación da Xunta en A Coruña, tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; e a xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais.
No mesmo encontro o conselleiro tamén informou de que se trata “dunha importante obra en beneficio da comunidade educativa e co obxectivo de engrandecer a histórica edificación, devolvéndolle o seu esplendor. Así realizarase unha importante obra co derribo da fachada e do edifico que dá para a praia do Orzán. Tal e como explicou Vázquez Abad “as obras de mellora e reforma, así como a execución dunha nova edificación teñen un orzamento inicial de preto de sete millóns de euros”.
Con este anuncio continúase a dar resposta á necesidade de recuperar o carácter da edificación principal co obxectivo de acentuar a singularidade da construción. En base a isto está previsto o cambio da fachada posterior e da ampliación realizada no centro nos anos 60, que rompe co deseño arquitectónico inicial do centro.
Buscarase alternativas construtivas máis eficientes enerxeticamente e máis económicas, de mantemento para a estrutura intermedia que comunica o centro histórico co novo edificio. En todo caso as posibles alternativas deberán ser respectuosas coa protección urbanística e patrimonial do centro.
O centro
Na actualidade o centro conta con 406 alumnas e alumnos de educación secundaria obrigatoria; 301 de bacharelato; e 78 estudantes de ciclos formativos relativos a turismo. Do mesmo modo os programas de cualificación profesional inicial contan con 13 matriculados en cociña, comercio, fontanaría, calefacción e climatización domésticas, mantemento de vehículos e servizos de restauración. Ademais no réxime de adultos están matriculadas 326 persoas en ESO e en bacharelato.
No presente ano no IES Eusebio da Guarda 99 alumnas e alumnos de 2º de bacharelato e 1º da ESO teñen sección bilingües en inglés. Asemade o centro recibiu máis de 7.000 euros da Consellería destinados á biblioteca escolar, co obxectivo de mellorar e potenciar este espazo destinado ao enriquecemento dos alumnos.
Con este anuncio a Consellería volve demostrar o seu compromiso coa mellora das instalación educativas e a dar resposta ás necesidades existentes nos centros. Deste xeito este compromiso coa cidade da Coruña engádese aos realizados nas últimas semanas e relativos ás obras de mellora e ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán e Zalaeta.
Instituto histórico
Durante o mesmo encontro o conselleiro comunicou ao representantes do IES Eusebio da Guarda a adhesión do centro á rede de institutos históricos do MUPEGA. O instituto coruñés entra na rede MUPEGA por ser un centro centenario que comezou a súa actividade no 1890, nun edificio construído con fondos aportados polo filántropo do mesmo nome, e que aínda conserva a riqueza arquitectónica coa que foi edificado.
Desta xeito compénsase a desigualdade histórica do centro, dado que o seu carácter de instituto feminino postergouno fronte ao instituto Salvador de Madariaga, que aínda que con carácter de “masculino” foi construído en 1941. Coa integración na rede MUPEGA garántese os principios de custodia, conservación e difusión do patrimonio que conservan os centros históricos da comunidade autónoma.
Así o centro coruñés engádese ao IES Salvador de Madariaga, tamén na cidade herculina; o Xelmírez I, en Santiago; o Lucus Augusti en Lugo; o Sánchez Cantón de Pontevedra; e o Otero Pedraio de Ourense. Todos eles centros son centros que abriron as súas portan no século XIX e foron dotados de fondos acordes coa lei Pidal.
Entre estes fondos destacan traballo de taxidermia, trebellos de medición, balanzas de precisión e outros aparellos. Ademais a nestes institutos asistiron estudantes célebres como Gonzalo Torrente Ballester, Rosalía de Castro. Deste xeito no propio IES Eusebio da Guarda foi alumno o pintor malagueño Pablo Picasso.