Un total de 15 profesionais de prestixio poñen as súas experiencias a disposición do alumnado
Román Rodríguez e Ángel Carracedo presentan a plataforma web do proxecto ‘EduMotivaCon’, a través da que os centros sostidos con fondos públicos poderán solicitar as actividades motivadoras ofrecidas polos diferentes persoeiros
O conselleiro de Educación salienta a importancia de adquirir, desde idades temperás, valores como o esforzo, a responsabilidade ou o traballo en equipo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo presentaron esta mañá a plataforma web do novo proxecto de innovación educativa ‘EduMotivaCon’, a través da que os centros educativos poderán solicitar, desde hoxe mesmo, as experiencias motivadoras que ofrecen un total de 15 profesionais galegos de recoñecido prestixio e de gran relevancia na sociedade galega.
A iniciativa, que se comezou a fraguar o verán pasado, bota agora a andar coa posta a disposición desta plataforma para todos os centros educativos galegos sostidos con fondos públicos. Trátase dun web no que terán acceso á información sobre o programa, así como ás diferentes accións –charlas, obradoiros, visitas, etc.– que ofrecen cada un dos denominados ‘mentores’. As solicitudes, cuxo prazo permanecerá aberto ata o 31 de marzo, cursaranas os propios equipos directivos a través da plataforma, que se pode consultar no seguinte enlace web http://edumotiva.fgsustentable.org/.
Este programa, cuxos pormenores debullou a asesora docente Julia Taboada Martínez, busca fomentar a cultura do esforzo, así como a motivación e a curiosidade, potenciar a creatividade e o pensamento crítico e promover o traballo en equipo do alumnado. Trátase, en definitiva, de fortalecer os procesos de ensino e aprendizaxe que os docentes desenvolven nas aulas a través das distintas disciplinas curriculares ou proxectos nos que traballan co alumnado, con achegas que os complementen mediante charlas, obradoiros ou visitas que cada persoeiro propón.
Referentes na promoción de valores
Tal e como destacou o conselleiro, o que persegue este programa é promover o interese do alumnado máis alá dos contidos curriculares, incentivando a súa curiosidade e favorecendo a compresión do mundo que os rodea a través das experiencias de persoas que son referentes nos seus campos de estudo e traballo.
Neste sentido, Román Rodríguez tamén salientou a importancia de adquirir, xa desde idades mozas, valores como o esforzo, a responsabilidade ou a colaboración e traballo en equipo; valores que axudan a potenciar o talento individual e a conseguir un desenvolvemento pleno tanto desde o punto de vista vital como profesional.
Compromiso dos ‘mentores’
Ademais de agradecerlle a Ángel Carracedo a súa disposición desde o primeiro momento para que este proxecto se puidese materializar, tamén quixo destacar o compromiso de cada un dos participantes nesta iniciativa, o que demostra o interese da sociedade civil na mellora do sistema educativo galego. En concreto, os chamados ‘mentores’ son os científicos e divulgadores Ángel Carracedo, Senén Barro e Jorge Mira; o xornalista Luis Fraga; a xornalista e presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky; o músico Roi Casal, a médica Carmen Vidal; o adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández; o escultor Manuel Paz; o publicista Miguel Conde; o cociñeiro Pepe Solla; o director da refinería de Repsol na Coruña, Luis Llamas; o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Villares; o actor Manuel Manquiña; e a conselleira delegada de Geriatros, Josefina Fernández Miguélez.
En todo caso, a maiores destes participantes, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia avanzou tres novas incorporacións: o xefe do servizo de Cardioloxía do CHUS, Ramón González-Juanatey; o xornalista Kiko Novoa e o humorista gráfico Luis Davila.
Ao acto asistiu tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, así como varios dos participantes neste proxecto.