Educación potencia un plan de formación específico para reforzar a función directiva nos centros

Román Rodríguez subliña que o esforzo e implicación dos equipos directivos son un elemento clave para seguir avanzando nunha educación moderna e de calidade

Mér, 15/03/2017 - 11:36
Educación potencia un plan de formación específico para reforzar a función directiva nos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a potenciar un Plan de Formación Específico dos directivos dos centros escolares coa finalidade de promover o seu liderado. A través deste Plan, enmarcado dentro da estratexia xeral de formación do profesorado, búscase garantir que o profesorado con funcións directivas teñan acceso a unha formación de alta calidade para a xestión dos centros docentes e, deste xeito, seguir avanzando nunha educación moderna e de calidade.

Así o expresou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, con motivo da inauguración das décimas xornadas formativas de Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia (ADDIGA), que hoxe se celebran en Santiago baixo o título “A dirección ante os novos retos”, e na que se dan cita arredor de 80 directores de Institutos.

“Unha dirección competente é un factor decisivo na eficacia e no rendemento escolar” dixo o conselleiro, quen salientou a importancia da organización de xornadas formativas coma esta que permiten debater sobre desafíos como a adaptación ao novo marco educativo derivado dos cambios de normativas e protocolos, e os plans e proxectos de dos centros, entre outros. Para abordar os retos actuais e de futuro, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de promover a formación conxunta dos membros dos equipos directivos, con pautas comúns para lograr unha mellor eficacia e eficiencia na xestión.

Román Rodríguez cualificou aos equipos directivos como “líderes clave” na mobilización da comunidade educativa e na xestión da autonomía dun centro, e que teñen demostrado sentido da responsabilidade e capacidade de esforzo no seu día a día. Segundo dixo, o traballo dos directores trasládase aos resultados satisfactorios no conxunto do sistema, como que a taxa de abandono educativo temperán de Galicia acada hoxe practicamente o obxectivo fixado pola UE, que conta cos mellores resultados da súa historia no último informe PISA, ou que ten o nivel de inclusión dos máis altos de España.

Tras confesar sentirse “orgulloso” dos avances acadados, o conselleiro emprazou ao directores a “seguir mellorando” e “investindo” no futuro de Galicia a través dun camiño que “temos que percorrer xuntos, equipos directivos, docentes, administración e familias”.

Finalmente, o conselleiro aproveitou para agradecer o encomiable labor de Adelino Pose á fronte da ADIGGA ata o de agora, e que hoxe foi relevado no cargo por María Isabel Ruso de Lago, a quen lle desexou todos os éxitos na súa nova responsabilidade como presidenta da Asociación.