A Xunta e a embaixada francesa afondan nas liñas de cooperación en materia cultura e educativa
Román Rodríguez mantivo unha reunión de traballo co conselleiro de cooperación e acción cultural da embaixada de Francia en España, Nicolas Kassianides
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co conselleiro de Cooperación e Acción Cultural da Embaixada de Francia en España, Nicolas Kassianides, para afondar nas liñas de cooperación conxunta en materia de cultura, lingua e educación, así como no ámbito da formación profesional; e facer un seguimento das mesmas.
Cómpre lembrar que, ao abeiro do Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, a Consellería ten en marcha unha serie de programas específicos como o DELF Escolar (para o alumnado de centros públicos galegos matriculado nunha sección bilingüe de francés); o BachiBac, programa que permite aos alumnos de ESO obter a dobre titulación de Bacharelato español e Baccalauréat francés, e acceder ao sistema universitario de ambos países; o PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras), deseñado para mellorar a competencia lingüística do profesorado e renovar a metodoloxía didáctica do ensino entre os docentes de linguas estranxeiras; o CUALE (de Formación en Linguas Estranxeiras para o alumnado; o CALC (Cursos de Actualización Lingüística e Comunicativa), de cursos de preparación específica para docentes que imparten clases en centros plurilingües ou en seccións bilingües ou que desexen acreditación para poder impartilas; entre outros.
Ademais, a través do protocolo de colaboración coa Académia d’Amiens, tamén están en marcha o programa de intercambio de profesorado Jules Verne; e o Galimiens, de intercambio de alumnado.