A avaliación de bacharelato durará tres días e constará de cinco materias troncais e un máximo doutras catro para subir nota
A Consellería de Educación, de acordo coa CIUG e as tres universidades, acaba de publicar as instrucións para a realización, dentro do curso 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU)
A proba, que tal e como xa se manifestou, será moi parecida á antiga Selectividade, só a terá que realizar o alumnado que queira cursar estudos universitarios
Cada un dos exames, de entre un mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas, terán unha duración de 90 minutos
A cualificación final de acceso á Universidade calcularase ponderando un 40% a cualificación da avaliación, e un 60% a da etapa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través dunha resolución conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, acaba de publicar as instrucións para a realización, dentro do curso 2016/17, da avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU) para o curso 2017/18. Un documento, elaborado de acordo coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e as tres universidades galegas, que recolle as cuestións técnicas, organizativas e de deseño da avaliación. Cómpre lembrar que a Consellería leva traballando desde o primeiro momento en colaboración cos organismos e institucións implicadas na organización da avaliación co fin de xerar certezas e tranquilidade aos centros educativos, ás familias e ao alumnado que está cursando 2º de bacharelato.
Tal e como xa subliñou o departamento educativo da Xunta de Galicia en varias ocasións, a ABAU será practicamente idéntica á antiga Selectividade. Deste xeito, e segundo se recolle no Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes, a avaliación non será necesaria para obter o título de bacharelato e realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios.
Materias obrigatorias e opcionais
As probas versarán sobre as materias xerais do bloque das troncais da modalidade elixida, ás que se suma Lingua Galega e Literatura, que ten consideración de troncal a todos os efectos. En concreto, o alumnado examinarase, ademais de Lingua Galega e Literatura, de Lingua Española e Literatura, Primeira Lingua Estranxeira e Historia de España. No caso de ter cursado o itinerario de Humanidades, a esta lista habería que sumar Latín; no caso do itinerario de Ciencias Sociais, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais; se a modalidade escollida foi Ciencias, Matemáticas; e se foi Artes, Fundamentos da Arte. En total, cinco materias obrigatorias.
A maiores, o alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias, a elixir entre as de opción do bloque de troncais de segundo curso e as xerais troncais específicas de modalidades distintas daquela da que se examinen na parte obrigatoria da proba. Os exames correspondentes a estas materias teñen carácter voluntario e, ao igual que as cinco primeiras, cualificaranse de 0 a 10 puntos. Ademais, para a mellora da nota de admisión tamén se terá en consideración a cualificación obtida na fase obrigatoria na materia xeral específica de cada modalidade do bloque das materias troncais (isto é: Matemáticas, Latín, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da Arte), sempre e cando a cualificación acadada na materia correspondente sexa igual ou superior a 5 puntos.
Duración e características
Cada proba constará dun mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas abertas e semiabertas, que requirirán ao alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. A maiores deste tipo de cuestións, tamén se poderán utilizar preguntas de opción múltiple, sempre e cando a puntuación asignada ao total das abertas e semiabertas alcance como mínimo o 50%.
Cómpre salientar que a duración de cada un dos exames será de 90 minutos e que, en total, a avaliación de bacharelato no seu conxunto desenvolverase ao longo de tres días. En canto ás datas concretas, serán fixadas pola CIUG, en coordinación coas universidades do SUG e coa Consellería.
Cualificación
En canto á cualificación da ABAU, esta será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das probas realizadas das materiais xerais do bloque de troncais e da materia de Lingua Galega e Literatura, expresada nunha escala de 0 a 10 con tres cifras decimais. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos. Deste xeito, a cualificación final para o acceso á Universidade calcularase ponderando un 40% a cualificación da avaliación, e un 60% a da etapa. Tal e como queda recollido nas instrucións, entenderase que se reúnen os requisitos de acceso cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a cinco puntos.
CIUG, organismo coordinador
Neste contexto, hai que ter en conta que a Comisión Interuniversitaria de Galicia exerce como organismo coordinador das probas e, por tanto, ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para o cumprimento do principio de distrito único. Así mesmo, a CIUG fará públicos os criterios de organización, a estrutura básica dos exercicios, os criterios xerais de cualificación e os parámetros de ponderación das materias.
No curso 2016/17 realizaranse dúas convocatorias, unha ordinaria e outra extraordinaria. O alumnado que no actual ano académico participe na convocatoria ordinaria poderá presentarse para a mellora das cualificacións na extraordinaria, na que se terá en conta a nota obtida na última sempre e cando sexa superior.
En todo caso, todos os pormenores da dita resolución, que se publicará no DOG, poden consultarse no seguinte enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/dxefpie-97498-170221-1_gal.pdf.