A Consellería de Educación convoca prazas de infantil, primaria e artes plásticas para as oposicións 2011
Serán preto de 300 postos, que cumpren co 30% de reposición indicado polo Ministerio de Educación
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convocará 268 prazas para profesorado para as oposicións de 2011, tal e como presentou hoxe na mesa sectorial docente non universitaria celebrada en San Caetano.
Durante o encontro entre sindicatos e a Consellería, Educación recordou que deste xeito cumpre co 30% de reposición das xubilacións indicado polo Ministerio, xa que en Galicia ao remate do presente curso o número de profesores que se retiran estará en torno aos novecentos. Ademais cúmprese así coa Lei de Orzamentos, que establece este 30% máximo de reposición.
Oferta pública
No encontro a Consellería presentou a oferta de convocatoria de 100 prazas de educación de infantil; 150 para primaria e 18 para artes plástica e deseño. Estás últimas divÍdense en profesores de debuxo artístico, deseño de interiores, deseño gráfico e medios informáticos.
Sobre esta oferta o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal, asegurou que "a pesares do momento de crise que se está a vivir, a Consellería fai un importante esforzo e convoca preto de trescentas prazas para profesores. Deste modo demóstrase, unha vez máis, a preocupación deste goberno polos temas sociais e nomeadamente noso interese na formación dos alumnos, e en que a calidade do sistema educativo galego continúe a mellor". O director de centros recordou que “a Consellería garante que todos os estudantes galegos terán a atención educativa que precisen”.
Novos directores de centros
Na mesma Mesa Sectorial presentouse a convocatoria relativa ao concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas regulas na LOE. Cómpre recordar que neste convocatoria están incluídos aqueles centros nos que estea por rematar o mandato do actual equipo de dirección. Na mesa sectorial de hoxe deuse a coñecer que o número de directores que comezarán no cargo o vindeiro curso escolar e que serán 312.
A outra orde estudada durante o encontro da Mesa Sectorial foi a relativa á convocatoria de axudas económicas para compensar os gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora, que polo seu labor deben desprazarse nos seus vehículos particulares por mor da programación do traballo, do carácter itinerante das funcións, o horarios dos centros e outros motivos.