A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística impulsa o uso do galego no ensino superior

Nela está integrada a Consellería de Cultura e Educación, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Universidades, canda as tres universidades galegas

Valentín García participou hoxe á mañá na Coruña na súa reunión ordinaria

Xov, 09/02/2017 - 17:48

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, na que participa a Consellería de Cultura e Educación por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Universidades, segue dinamizando o uso do galego no ensino superior. Na súa reunión ordinaria, celebrada hoxe á mañá na Coruña, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes dos órganos de goberno e dos servizos lingüísticos das tres universidades de Galicia.

A orde do día da xuntanza centrouse na revisión e actualización das liñas de traballo, así como na definición de novas liñas de actuación vencelladas á planificación de itinerarios lingüísticos nas titulacións de grao no Sistema Universitario Galego e á acreditación da competencia lingüística nos idiomas vehiculares da docencia e linguaxes de especialidade.

Para alén diso, valorouse como liña de actuación destinada a darlle cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz-Andrade, desde o ámbito do ensino superior, un proxecto de colaboración Galicia - Norte de Portugal por medio da Universidade de Vigo e do Centro de Estudos Interrexionais.

Avanzar conxuntamente a prol do idioma

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística intégrana a Xunta de Galicia e mais as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Foi creada en 2009 para darlle cumprimento á medida dirixida á área do ensino que no marco do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) propoñía a creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política lingüística universitaria en Galicia prevendo a participación nela das tres universidades galegas e mais da Administración autonómica.

Así, a devandita comisión ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega en materia de política lingüística, para o que se acordan pautas de actuación conxuntas en prol da dinamización lingüística e do fomento uso do galego no ámbito universitario.

Menús News node R