O Consello da Xunta dá luz verde ao anteproxecto de Lei para a convivencia e participación da comunidade educativa
O texto pasará agora ao Parlamento de Galicia para ser debatido polos grupos
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao anteproxecto de Lei para a convivencia e participación da comunidade educativa, que pasará agora ao Parlamento de Galicia, onde será debatido polos grupos. Desta forma, e despois de ter en conta alegacións do Observatorio Autonómico de Convivencia Escolar, o Consello Escolar de Galicia e outros organismos, a Xunta espera que o texto se poida enriquecer no trámite parlamentario, antes da súa aprobación final e entrada en vigor.
Un texto innovador
A Lei de convivencia e participación da comunidade educativa busca crear e reforzar os instrumentos xurídicos que permitan acadar e manter un clima de convivencia. Trátase dunha lei innovadora que ten como obxectivo xerar un marco de convivencia que garanta o respecto nas aulas. Para iso, posibilitarase unha resposta xurídica inmediata e reeducadora a comportamentos que perturban un correcto clima nos centros educativos, introducindo ademais por primeira vez no plano lexislativo a figura do acoso con carácter preventivo e correctivo.
Ademais, o texto recolle as aspiracións do profesorado de ver recoñecida debidamente a súa función pola sociedade e os poderes públicos, polo que o profesorado será considerado autoridade pública, e disporá da protección xurídica e da presunción de veracidade necesaria para o mantemento do comportamento escolar. Ademais, estarán habilitados para requirir aos alumnos calquera substancia ou obxecto que porten e que non estea permitido polas normas do centro, ou sexa perigoso.
Doutra banda, a Lei busca instaurar a corresponsabilidade das familias a través da participación, polo que regulará tamén a consulta e a participación directa das familias no proceso educativo.
Dereitos, deberes e normas
O texto aprobado hoxe recolle unha relación de dereitos e deberes de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos dos centros educativos (P.A.S.); co fin de acadar un clima de respecto mutuo nas aulas, a través da comunicación entre pais nais e docentes, da participación directa das familias na comunidade educativa, e do respecto destas á autoridade do profesorado. Pola súa banda, tanto profesores como P.A.S. deberán colaborar activamente na prevención e corrección do acosos escolar, mantendo o comportamento no centro educativo.
Ademais, a Lei establece as normas básicas de convivencia e de respecto nos centros educativos, tales como a condición de autoridade pública dos docentes, ou a súa habilitación para requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro, dentro do recinto escolar e durante a realización de actividades complementarias e extraescolares.
Inmediatez e prevención
Co obxectivo de garantir que os prazos de aplicación das medidas correctoras non afecten á convivencia en colexios e institutos, a Lei dotará de inmediatez o procedemento de imposición das sancións, sempre nun réxime garantista e perseguindo o carácter reeducador das medidas correctoras aplicadas. Para iso, a norma tipifica as condutas graves e leves contrarias á convivencia –incluíndo a súa gradación e atenuantes-, as medidas correctoras destas e o procedemento para a súa aplicación.
Cómpre lembrar que esta Lei aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar. Doutra banda, o texto estende o ámbito de aplicación disciplinaria ás condutas desenvolvidas a través das novas tecnoloxías; e á gravación, manipulación e difusión por calquera medio de imaxes ou información que atenten contra o dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe dos demais membros da comunidade educativa.
Outra das novidades do texto é a incorporación aos plans de convivencia dos centros docentes de protocolos para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar.