As iniciativas “Navega con Rumbo” e “Programación nas Escolas” chegarán a preto de 200 centros escolares
Educación e o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia renovan un ano máis a súa colaboración para iniciar ao alumnado no eido da programación
Tamén se porán en marcha accións conxuntas para sensibilizar aos estudantes sobre a protección de datos e o uso seguro da tecnoloxía
Un dos obxectivos da Consellería é reforzar as vocacións STEM entre os rapaces e, nesta liña, puxo en marcha as materias de libre configuración autonómica de Robótica e Programación, cuns 4.800 matriculados neste curso
Arredor de 200 colexios e institutos de toda Galicia se beneficiarán este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente do órgano colexiado de Informáticos, Fernando Suárez, ratificaron un ano máis o acordo para continuar cos programas “Navega con Rumbo” e “Programación nas Escolas”, co fin de axudar a mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como a desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico. Precisamente este ano, o convenio inclúe como novidade a posta en marcha de accións específicas (concursos, campañas,…) de sensibilización en relación coa protección de datos.
Este acordo enmárcase dentro da estratexia da Consellería de Educación de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre o estudantado galego, ao tempo que dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.
“Navega con Rumbo”
O programa “Navega con Rumbo”, que xa vai pola súa sexta edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias. É dicir, por unha banda está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.
Para tal fin, o Colexio de Enxeñaría en Informática encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que chegará a uns 190 de toda Galicia. Desde que se iniciou o programa no curso 2010/11, xa se impartiu en 461 colexios e institutos, e nas actividades realizadas ao seu abeiro participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.
“Programación nas Escolas”
A outra das iniciativas, “Programación nas escolas”, renóvase por terceiro ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares na linguaxe da programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 20 da primeira e segunda edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que os rapaces e rapazas aprenden a programar dun xeito lúdico e proactivo. Para elo, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan qué é un ordenador, cómo funciona, e cómo eles mesmos poden crear sinxelas aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións, entre outros.
Tanto o “Navega con rumbo” como a “Programación nas escolas” están dirixidon ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, é dicir, aqueles que contan con aulas dixitais e que a día de hoxe xa abrangue a uns 120.000 alumnos de 900 centros públicos.
Materias de libre configuración autonómica
Na liña de fomentar as vocacións STEM entre o alumnado, cómpre lembrar que desde o curso 2015/16, á proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º de ESO (132 centros ofertárona este curso, con 4.200 matriculados) e de Robótica en Bacharelato (ofertada por 92 centros e con case 600 alumnos matriculados).
A impartición destas materias leva aparellada a dotación de equipamento específico, como son os novos kits de Robótica educativa cos que a Consellería está fornencendo ao todos os IES de Galicia, unhas ferramentas de apoio á docencia para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar, non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as de libre configuración autonómica ás que facemos referencia.
Así mesmo, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.
Protección de datos e identidade dixital
Dentro da Estratexia galega de convivencia escolar, educonvives.gal, Educación xa conta cun Protocolo de Protección de Datos que sirve de guía aos centros á hora de xestionar toda a información referente ao alumnado. Desde a Consellería nestes momentos estase a traballar na incorporación dun apartado a este protocolo, que se centrará na identidade dixital. O obxectivo é que os rapaces conten cunha ferramenta que lles sirva de guía para o tratamento da súa información persoal a través das redes. Trátase de que tomen conciencia de que ese tipo de datos poden ser susceptibles dun uso distinto ao que eles pretenden e, por outra parte, de que aprendan a construír a súa identidade dixital para poñer en valor as súas competencias e habilidades.