Os contratos-programa da Consellería de Educación beneficiarán este curso a case 105.000 alumnos

Un total de 416 centros docentes públicos desenvolverán estas iniciativas

Desde a súa posta en marcha multiplicouse por 9 o número de estudantes que participan nela

Increméntase nun 55% o número de centros que participan nun programa para a mellora da convivencia e a promoción da igualdade

Os contratos-programa teñen contribuído de forma decisiva a acadar a actual taxa de abandono educativo, un 15,2%

O investimento para o curso 2016/2017 é de 3.283.052,06 millóns, un 7,01 % máis ca no curso anterior, o que permitirá a contratación de 174 docentes de apoio adicionais, un 14% máis que o ano pasado.

Sáb, 28/01/2017 - 15:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2016/17, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 104.424 alumnos e alumnas, o que supón multiplicar case por 9 os que había hai 6 cursos, beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar.

Un total de 416 centros docentes públicos, un 10% máis que o ano pasado, desenvolverán unha ou máis liñas dos contratos-programa, sumando un total de 950 iniciativas diferentes. Por provincias, os centros participantes serán 130 na da Coruña, 52 en Lugo, 44 en Ourense e 190 en Pontevedra. Do total de centros participantes, 218 son de primaria e 160 de secundaria.

Cómpre salientar, ademais, que a Consellería reforzou este ano a partida orzamentaria destinada aos contratos-programa, que acadan os 3.283.052,06 millóns de euros, un 7,01% máis ca no curso anterior. Isto permite a contratación en toda a Comunidade Autónoma de 174 docentes externos de apoio adicionais –para o desenvolvemento da actuación 1, a coñecida como ‘PROA’–, un 14% máis que o ano pasado, dotando deste persoal a todos os centros que o solicitaron.

Máis de 8.000 docentes involucrados

Ademais dos devanditos mestres de apoio contratados de xeito adicional pola Consellería para o desenvolvemento da liña 1 dos contratos-programa, na aplicación da iniciativa participarán este curso un total de 8.361 docentes, un 32% máis ca no 2015/16.

Os contratos-programa procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro docente analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Liñas de actuación

A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural (antigo programa PROA). Un total de 306 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 174 mestres de apoio contratados adicionalmente pola Consellería para tal fin.

A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes, cun total de 305 centros; na terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e na promoción da igualdade, participarán un total de 165 centros (un 55% máis ca no curso anterior). A cuarta, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, contará coa participación de 23 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 118 e 33 centros docentes públicos, respectivamente. Neste caso cómpre salientar o incremento na liña 5, que desenvolverán un 51% máis ca o curso anterior.