Galicia pecha o 2016 cun abandono temperá do 15,2%, rozando o obxectivo fixado pola UE para 2020
Supón un descenso de máis de 10 puntos respecto do dato do ano 2009, que era do 25,8%
A porcentaxe de persoas entre os 18 e 25 anos que non continúan estudos e non acadaron un título superior ao da ESO é este ano case 2 puntos inferior ao anterior
O excelente traballo da comunidade educativa fixo posible este éxito
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o dato coñecido hoxe da media anual da taxa de abandono temperá, que foi no 2016 do 15,2%, o que supón 1,8 puntos menos ca media do ano anterior e 3,8 menos que a media de España, que finalmente acadou o 19%. Deste xeito Galicia roza o obxectivo do 15% fixado pola Unión Europea na Estratexia, Educación e Formación para o ano 2020 para España, e confirma unha forte baixada desta taxa desde o ano 2009, que foi dunha media do 25,8%.
Cómpre sinalar que o abandono se define como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).
Os datos do abandono van en liña cos bos resultados acadados en estudos internacionais coma PISA 2015, no que Galicia obtivo os mellores resultados da súa historia, situándose por riba da media de España e da OCDE nas tres competencias avaliadas (lectora, matemática e científica); así como a comunidade autónoma co sistema educativo máis equitativo tanto a nivel nacional como internacional.
Estes éxitos do sistema educativo galego son froito do excelente traballo de docentes, equipos directivos e do conxunto da comunidade educativa, e do esforzo realizado pola Administración educativa na posta en marcha, nestes últimos 7 anos, de políticas educativas innovadoras en prol da excelencia e da permanencia do alumnado no sistema. Neste sentido cómpre lembrar que a actual Xunta puxo en marcha os contratos-programa, en prol do reforzo das competencias básicas e para favorecer a excelencia.
A FP Básica, é outro dos piares fundamentais para avanzar no descenso do abandono, ao ofrecer ao alumno a posibilidade de seguir no sistema educativo nunhas ensinanzas ao termo das que obteñen unha titulación de FP de nivel básico, e que lles fai máis doada a obtención do título de graduado escolar. Asemade en Galicia tense realizado unha importante aposta pola formación profesional, a través da que se ten incrementado substancialmente o número de persoas que cursan estas ensinanzas.
Así mesmo, desenvólvese un amplo número de iniciativas en prol da atención as necesidades específicas de atención educativa, de tal forma que o sistema educativo galego é o máis inclusivo de todo o Estado, segundo os últimos datos dispoñibles do Ministerio.