Educación salienta a contribución do programa ‘La IDA’ á mellora da empregabilidade dos mozos
O director xeral de Centros da Consellería, José Manuel Pinal, participou no acto de peche desta iniciativa coordinada pola Fundación Paideia, a través da cal cinco estudantes galegos realizaron prácticas formativas en Alemaña
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, participou hoxe no acto de peche de Programa La IDA, unha iniciativa coordinada pola Fundación Paidea en colaboración co departamento educativo da Xunta, a través da cal cinco estudantes galegos de FP puideron estudar un curso de alemán e realizar prácticas formativas en empresas na cidade de Cottbus (Alemaña), así como participar en diversas actividades de carácter cultural e deportiva.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos asegurou que a experiencia destes cinco alumnos do IES de Valga (catro de FP Básica de Fabricación e Montaxe, e un do ciclo medio de Soldadura e Calderería), de seguro “vai cambiar o voso xeito de ver a vida e enfocar a vosa formación”. A Consellería -dixo José Manuel Pinal- está facendo unha importante aposta de actuacións e recursos por unha ensinanza de calidade que mellore as oportunidades formativas e laborais no alumnado; e ao tempo que axuda a combater o fracaso escolar, así como a mellorar a empregabilidade dos máis novos e a competitividade dos sectores produtivos.
Neste contexto enmárcase o Programa La IDA, cuxo obxectivo principal é proporcionar a mozas e mozos galegos en distintas situacións de desvantaxe (ben sexa en risco de saída do sistema educativo, formativo ou en situación de desemprego) unha experiencia transnacional, a modo de cualificación complementaria, en aras de mellorar a súa motivación tanto no eido formativo como de cara a o mundo laboral.
Ademais da mellora das competencias e a orientación profesional, este tipo de experiencias supoñen para os estudantes unha gran oportunidade para coñecer e contactar con outras culturas, así como para aprender linguas, un dos retos educativos aos que esta Consellería está dando resposta a través da súa aposta polo ensino plurilingüe.
Xunto co director xeral de Centros, no acto de peche do dito programa tamén participaron o vicepresidente da Fundación, Guillermo Vergara, o director do IES de Valga, Roberto Barral; o equipo técnico da fundación Paideia involucrado no proxecto e os cinco alumnos do proxecto.