Xunta e as Fundacións Pondal, Rosalía e Curros impulsan unha homenaxe aos tres autores do rexurdimento
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos representantes destas entidades así coma dos concellos de Ponteceso e Celanova para deseñar iniciativas conxuntas
Con motivo do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, a Xunta quere impulsar un itinerario literario que conecte aos tres escritores deste movemento
Con motivo do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto coas Fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, está a impulsar unha homenaxe a estes tres autores do Rexurdimento galego, que se fará en colaboración cos concellos implicados, Ponteceso, Padrón e Celanova.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes das mencionadas fundacións e responsables municipais para avanzar nas iniciativas que se van poñer en marcha.
Ademais do conselleiro e dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; á reunión tamén asistiron por parte da Fundación Pondal, o alcalde de Ponteceso e presidente desta entidade, Xosé Lois García, e o membro do padroado, José María Varela; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e en representación da Fundación Curros Enríquez o alcalde de Celanova e presidente da Fundación, José Luis Ferro, e o técnico de Cultura e secretario da Fundación, Antonio Piñeiro.
Entre as accións máis destacadas, o Goberno galego busca impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego que conecte as figuras de Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, os principais autores deste movemento cultural, político e literario da segunda metade do século XIX en Galicia e que se inaugurou coa publicación, en 1863, de “Cantares Gallegos”.
Esta iniciativa completarase con outras no ámbito parlamentario e no ámbito do Goberno galego, co impulso dun Decreto para a declaración do ano 2017 como Ano Pondal e Ano do Rexurdimento.