A Rede De Dinamización Lingüística inicia 2017 con actividades nunha ducia de concellos

Cercedo-Cotobade, A Estrada, Malpica, Dumbría, O Rosal, Ribadumia, Neda, Padrón, Coristanco, Xove, Barreiros e Barro acollen ata o sábado a recta final do programa 'Nadal en Rede ' con obradoiros musicais e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e encontros cos Bolechas

O Portal da Lingua Galega pon a disposición de toda a cidadanía múltiples recursos para recibir a visita dos Reis Magos na nosa lingua propia

Lun, 02/01/2017 - 12:00
A Rede De Dinamización Lingüística inicia 2017 con actividades nunha ducia de concellos

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia inicia o ano 2017 cunha ducia de actividades noutros tantos dos seus concellos adscritos. Cercedo-Cotobade, A Estrada, Malpica de Bergantiños, Dumbría, O Rosal, Ribadumia, Neda, Padrón, Coristanco, Xove, Barreiros e Barro acollen desde hoxe ata o sábado a recta final do programa 'Nadal en Rede ' con obradoiros musicais e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e encontros cos Bolechas. Coma sempre, a participación en todos eles será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos.

Ademais, o Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/nadal-en-rede) pon a disposición de toda a cidadanía múltiples recursos para festexar e recibir a visita dos Reis Magos na lingua propia de Galicia. Desde el pódense descargar, tamén de balde, misivas escritas polos propios magos de Oriente, discursos en galego pensados para as cabalgatas etc.

A RDL despedirá o seu programa de Nadal o sábado 7, logo de percorrer medio cento de concellos desde o pasado 17 de decembro co número de participantes máis amplo da súas cinco edicións.

Propostas en doce concellos ata o sábado

Logo de percorrer os concellos de Trazo, A Pobra do Brollón, Aranga, Barbadás, Rianxo, O Incio, Ourense, Toques, Mazaricos, O Carballiño, Santa Comba, Toén, Carnota, Xinzo de Limia, Abegondo, Guitiriz, A Laracha, Manzaneda, Redondela, Oleiros, A Peroxa, Castro de Rei, O Grove, O Vicedo, Rois, Tordoia, Muros, Ponte Caldelas, Cariño, O Porriño, Taboada, Cabanas, O Grove e Mondoñedo, as actividades continuarán hoxe, luns, pola tarde, en Cerdedo-Cotobade e Xinzo de Limia; mañá, martes 3, pola mañá, en Malpica de Bergantiños e, pola tarde, en Dumbría, O Rosal e Ribadumia; o mércores 4, pola tarde, en Padrón e Coristanco; o xoves 5, pola mañá, en Xove, e o sábado 7, pola tarde, en Barreiros e Barro.

O calendario completo con espazos e horario está dispoñible nas redes sociais, no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Xogos e xoguetes en galego

O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quere apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, a RDL incluíu na súa programación un obradoiro de xogos e xoguetes en galego que desenvolverá a empresa Brazolinda en dez concellos.

Nadal de vila en vila

Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolverán noutras dez localidades da RDL un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante a celebración das festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.

Cantarolas para xente miúda

Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofrecen un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñezan 'Cantarolas para xente miúda', un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. O espectáculo levarase dez localidades galegas.

Cos Reis Magos, en galego

Como outros anos, seguen estando a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta "resposta dos Reis Magos" para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua.O Portal da Lingua Galega tamén lles ofrece aos Reis discursos na nosa lingua que poderán ler a noite da cabalgata para que todos os poidamos sentir falar no idioma propio de Galicia.

E tamén co Apalpador

Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas durante o Nadal.

Os Bolechas, Nadal en familia

Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa celebrarán este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañarán mentres estes xogan. Haberá concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo... e moitas outras actividades en galego para toda a familia.

Menús News node R