Educación afonda coa CIUG na organización da avaliación de bacharelato para acceder á universidade
Esta é a primeira reunión de traballo logo de que o Ministerio publicara a Orde que regula a proba
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os representantes das tres Universidades na Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) mantiveron hoxe unha reunión de traballo de carácter técnico para seguir avanzando no deseño da avaliación de Bacharelato para acceder á Universidade e que en Galicia organizará a CIUG, ao igual que se viña facendo coas PAAU. A xuntanza, que presidiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, serviu para avanzar na implementación desta proba logo de publicarse o pasado venres no Boletín Oficial do Estado a Orde que a regula.
Unha vez concretado o escenario normativo estatal, neste encontro de carácter estritamente técnico afondouse nos aspectos procedimentais e organizativos da proba en Galicia, así coma nos pasos a seguir nos vindeiros meses.
Nestes momentos a Consellería -en colaboración e coordinación coa CIUG- está preparando a normativa para a aplicación desta avaliación en Galicia. Nesta liña está previsto que a mediados do vindeiro mes de xaneiro xa se conte cun documento cos principais aspectos organizativos que se lle dará a coñecer aos directores dos centros educativos.
Cómpre lembrar que a avaliación de Bacharelato -que só deberán realizar aqueles alumnos que desexen acceder á universidade- vai ser moi parecida á denominada “selectividade” vixente ata o de agora, e cunha metodoloxía e uns contidos moi semellantes.