A Consellería de Educación investirá máis de 50.000 euros para diminuír os niveis de gas radón no IES Poeta Añón, de Outes

A maior concentración deste elemento prodúcese na planta baixa onde non hai situadas aulas

Sáb, 26/02/2011 - 13:54

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 50.000 euros na realización de obras no IES Poeta Añón, de Outes co obxectivo de rebaixar os niveis de concentración de gas radón.

Na presente semana o secretario xeral técnico de Educación, Jesús Oitaven; mantivo un encontro co alcalde de Outes, Carlos Crespo; e o director do IES Poeta Añón, Daniel Losada Andreu, no que trataron a problemática derivada dos informes realizados pola Universidade de Santiago relativos aos niveis de gas radón nos centros educativos.

No relativo ao IES Poeta Añón cómpre recordar que destaca que os maiores niveis de concentración de dito gas prodúcense en zonas nas que non permanecen os alumnos como son o cuarto de caldeiras e os vestiarios. Mentres que o nivel de concentración nas aulas, situadas na planta superior, é sustancialmente inferior ao localizado no andar inferior.

As actuacións

Con isto a semana pasada a unidade técnica de Educación, visitou o centro e realizou un informe, logo do cal tomouse a decisión de realizar unha serie de intervencións. Así en primeiro termo a Consellería comprometeuse a realizar un investimento inicial de aproximadamente 20.000 euros. Esta actuación inicial consistirá en provocar canles de ventilación naturais baixo o forxado sanitario do edificio.

Unha vez realizada esa intervención, que está previsto que se desenvolva no vindeiro mes de marzo, realizárase unha nova medición dos niveis de concentración de gas. A segunda actuación, que terá un orzamento estimado en 30.000 euros, será relativa á creación de ventilación forzada nas dependencias onde se rexistren maiores valores.

A unidade técnica da Consellería de Educación entende que coa realización destas obras e instalación de canles de ventilación producirase unha diminución moi perceptible na planta baixa do edificio que, a súa vez, provocada menores niveis de bequerelios nas aulas dos alumnos.

Deste xeito a Consellería de Educación volve a dar unha nova mostra do seu compromiso coa comunidade educativa e do traballo que se desenvolve diariamente a prol dun maior benestar da mesma.

Menús News node R