Máis de 31.500 alumnos galegos veranse beneficiados, o vindeiro curso, da dixitalización do ensino do proxecto Abalar
O segundo ano de aplicación da estratexia de integración das TIC no sistema educativo galego duplicamos as aulas
Máis de 31.500 alumnos galegos beneficiaranse o vindeiro curso 2011-2012 dun renovado Proxecto Abalar, que duplicará as aulas, ao entrar por primeira vez en centros novos e estender a súa área de actuación a 6º de primaria e 2º da ESO, manténdoa en 5º e 1º.
Deste xeito, as alumnas e alumnos dos centros Abalar aproveitaranse da estratexia de integracións das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. En datas próximas a Consellería sacará a concurso público a subministración do equipamento informático necesario, especificando as características técnicas requiridas para os novos ultraportatiles que se sumarán aos existentes, ata completar a cifra de 31.500.
Grazas a esta nova dotación, o Proxecto Abalar continúa a medrar en Galicia, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de se formar no uso das TIC, e no seu aproveitamento como recurso didáctico. Ademais, o Abalar contribúe a facilitar a colaboración entre todos os membros da comunidade escolar, a través do portal web espazoAbalar, que lles permite ás familias facer un seguimento continuado da vida académica dos seus fillos, así como ter unha comunicación directa cos docentes.
Doutra banda, o proxecto leva adxunto o programa ‘Navega con Rumbo’, que ten como obxectivo impartir charlas divulgativas para que os escolares realicen un uso responsable das TIC, e que xa ten chegado a máis de 5.000 estudantes, uns 500 profesores e 300 pais.