Máis de 80 directores reúnense no IV Encontro de Directivos de IES de Galicia en Santiago de Compostela

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa inaugurou hoxe estas xornadas, que mañá clausurará o conselleiro

Xov, 24/02/2011 - 14:43

Máis de 80 directores reúnense hoxe e mañá no IV Encontro de Directivos de IES de Galicia, que se está a celebrar no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Baixo o título ‘A profesionalización da dirección escolar: Liderado Pedagóxico’, a Asociación de Directores e Directivos de institutos de educación secundaria galegos pretende con este encontro que os responsables destes centros educativos poidan intercambiar experiencias sobre o desenvolvemento da súa tarefa diaria. O encontro será clausurado este venres polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad.

A Consellería de Educación e Ordenación estivo representada na inauguracións destas xornadas polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, José Luis Mira, quen destacou a importancia do encontro para “contemplar de cerca distintos puntos de vista no enfoque da educación na nosa comunidade”.

Así mesmo, José Luis Mira lembrou o importante papel desenvolvido polos directores dos centros para elevar o nivel educativo da sociedade. “A dirección dun centro educativo leva a cabo unha tarefa complexa e comprometida”, dixo.

Neste sentido, o director xeral de Educación resaltou o apoio da Consellería aos equipos directivos, a través da oferta formativa - tanto presencial como a distancia e semipresencial- que pon ao seu dispor, artellados en eixos como a potenciación do éxito escolar, a mellora de competencias en linguas estranxeiras, o aproveitamento das novas tecnoloxías da información e a comunicación, ou a mellora da calidade educativa. Ademais, tal e como explicou o director xeral, a Consellería imparte cursos de formación inicial para o acceso á función directiva, de especial valor para estes profesionais.

Finalmente, José Luis Mira animou aos participantes a aproveitar a oportunidade que o IV Encontro de Directivos supón para o intercambios de boas prácticas arredor da tarefa directiva.