A Consellería de Educación adxudica de forma definitiva a construción do novo IES de Milladoiro
O novo centro de Ames foi adxudicado por un importe que supera os 5,3 millóns de euros
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adxudicou hoxe de forma definitiva á empresa Dragados S.A. a construción do novo IES do Milladoiro, un centro que contará con 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato.
A obra foi adxudicada por un importe de máis de 5,3 millóns de euros, e ten un prazo de execución de 16 meses. A partires desta adxudicación a empresa conta cun prazo de 10 días para a sinatura do contrato e a planificación do inicio dos traballos.
A Consellería de Educación sigue á espera, por outra parte, de que o Concello de Ames poña a disposición da Xunta unha parcela axeitadas para a construción dun novo CEIP no Milladoiro.
Cómpre lembrar que a Consellería está a cumprir coa adxudicación do instituto cunha demanda que a comunidade escolar de Ames vén realizando desde hai anos. Ademais, é o compromiso de Educación dar reposta ás necesidades de escolarización da zona coa construción dun novo colexio, unha vez o Concello ofreza os terreos á Xunta.
Módulo de Infantil en Ponteareas
Ademais a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de realizar a adxudicación definitiva a Antalsis S.L. da construción dun módulo infantil de 9 unidades no CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas (Pontevedra). A obra foi adxudicada por un importe de máis de 872.000 euros, e cun prazo de execución de 7 meses e medio.
Desta forma a Consellería de Educación dá mostra da súa atención ás necesidades deste centro, e do seu compromiso coa súa comunidade educativa.