Educación e Universidades avanzan no deseño da proba final de bacharelato, que en Galicia organizará a CIUG
Román Rodríguez presidiu unha reunión técnica con representantes das tres universidades e da Comisión Interuniversitaria para traballar de xeito coordinado nas especificidades técnicas da proba
O conselleiro insistiu nunha mensaxe de tranquilidade aos alumnos e ás familias, xa que os contidos e a metodoloxía da proba será moi semellante ás PAAU vixentes ata o de agora
A Consellería traballa da man das Universidades para, de cara ao curso 2017-18, adiantar a xullo a convocatoria extraordinaria de setembro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e representantes da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) e das tres universidades, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para avanzar na coordinación da proba final de Bacharelato que substitúe ás actuais PPAU (coñecidas como “selectividade”), e que en Galicia se encargará de organizar a CIUG como o viña facendo ata o de agora.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que o obxectivo desta xuntanza foi informar dos acordos acadados na Conferencia Sectorial de Educación que tivo lugar o pasado luns en Madrid, e deseñar unha liña de traballo conxunta e cooperativa co organismo interuniversitario de Galicia e coas universitarias para “concretar” todos aqueles matices pendentes para a execución da proba.
Román Rodríguez insistiu nunha mensaxe de tranquilidade para os alumnos e para as familias, xa que esta proba final de Bacharelato -que dá acceso á Universidade- será practicamente idéntica a de agora, “cun escenario, uns contidos e unha metodoloxía moi semellante á que se viña facendo”, abondou.
Tamén explicou que –xunto coas Universidades- se está a traballar na posibilidade de adiantar a xullo a convocatoria de setembro da proba, que se podería materializar a partir do curso 2017-18, xa que -segundo matizou o conselleiro- “este ano xa é de moitos cambios e quizá é precipitado facelo, pero si para o vindeiro curso”.
Finalmente Román Rodríguez salientou a “vontade colectiva” de chegar a un pacto en materia educativa cun obxectivo a curto prazo que é “o interese do alumnado que se vai presentar á proba a finais de curso”, e cun obxectivo “máis a longo prazo” na procura dun “gran acordo educativo que a sociedade nos demanda e que nos dea certidume ao conxunto da comunidade educativa”.