O persoal da administración autonómica e os centros educativos dispoñen de novos servizos en liña para traballar en galego

Trátase dun sistema de consulta do dicionario Digalego e da Enciclopedia Galega Universal, dúas ferramentas de grande utilidade que ata agora tiñan o acceso restrinxido

Mar, 22/02/2011 - 13:30
Presentación das novas ferramentas para facilitar o uso do galego
Presentación das novas ferramentas para facilitar o uso do galego

A Xunta de Galicia pon a disposición do persoal e alumnado dos centros educativos e mais dos profesionais da Administración autonómica un novo servizo en liña para facilitar o uso do galego no seu traballo. Trátase dun sistema que permite consultar o dicionario de galego Digalego e a Enciclopedia Galega Universal (EGU), dúas ferramentas que ata o momento tiñan o acceso restrinxido, grazas á colaboración entre a Xunta e a empresa Ir Indo Edicións.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director de Ir Indo Edicións, Bieito Ledo, presentaron hoxe o alcance deste acordo. Por unha banda, a funcionalidade do Digalego permite a consulta directa neste dicionario en liña, da que xa se benefician o persoal e alumnado de todos os centros de ensino non universitario de Galicia, públicos e concertados, así como os profesionais ao servizo da Administración autonómica.

Por outra banda, o acordo permite que estes mesmos destinatarios xa dispoñan de acceso aos contidos da EGU en liña. Trátase dunha ferramenta de calidade que permite obter información completa e actualizada e coa que se pretende facilitar o labor profesional e académico dos usuarios.

Na web da Xunta

Ademais, o acordo con Ir Indo tamén beneficia o resto da cidadanía, que xa pode consultar o significado das palabras que se recollen na información do portal web da Xunta. Simplemente cun dobre clic na palabra, habilítase unha ventá na que se ofrece a definición do Digalego.

O conselleiro de Educación destacou en rolda de prensa a importancia destas dúas ferramentas para que os implicados no eido do ensino poidan expresarse correctamente en galego na súa actividade diaria. “Ao mesmo tempo -explicou- o dicionario constitúe un material de apoio para o ensino e a aprendizaxe doutras linguas, xa que ofrece equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán”. “Facilitando o acceso a estas ferramentas estamos a darlle cobertura a un servizo demandado pola comunidade educativa”, engadiu o conselleiro.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica explicou que a posta en marcha destes servizos supón incrementar as prestacións do portal da Xunta e avanzar un paso máis no obxectivo de convertelo nunha canle de información e servizos máis interactivo e aberto permanentemente ao usuario. “Este é o obxectivo da Administración electrónica, permitir un contacto constante e fluído cos cidadáns e garantir o seu dereito a comunicarse coas entidades públicas a través dos medios electrónicos”, engadiu.

Non en balde, o portal da Xunta -que foi reestruturado en xuño para converterse nunha web máis intuitiva, sinxela e accesible ao cidadán- recibiu máis de 11 millóns de visitas durante 2010, o que demostra que “as webs das administracións públicas cobran cada día máis importancia como puntos de acceso telemático ás institucións publicas”.

Ferramentas de utilidade profesional para o ámbito educativo e a Administración

As tecnoloxías xogan cada día un papel máis importante nas tarefas cotiás e profesionais. Por iso, con este proxecto, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pretenden aproveitar as súas vantaxes para fornecer novos recursos de utilidade no sector educativo e da Administración que favorezan a calidade lingüística e mais a actividade profesional e académica nestes dous ámbitos.

Declaracións do conselleiro de Educación

Declaracións da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

Declaracións do director de Ir Indo Edicións