Educación destina 343.000 euros á obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño (Ames)

A Consellería vén de adxudicar a obra, que ten un prazo de execución de 3 meses

Lun, 21/11/2016 - 14:06

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar a obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño, na localidade coruñesa de Ames, cun orzamento de 342.997,28 €. A obra, que terá por obxecto atender o importante aumento de alumnado na etapa de infantil neste concello, terá un prazo de execución de 3 meses. A resolución de adxudicación pode consultarse na plataforma de transparencia da Xunta de Galicia, no enlace http://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=60055 .

A ampliación supón a creación de 3 novas aulas para 25 alumnos de infantil cada unha delas e con cadanseu aseo incorporado. Así mesmo, a obra inclúe os espazos comúns pertinentes e a rampla de acceso, configurando un novo volume cunha superficie útil total de 243,75 m2 que se suma á do edificio xa existente, reproducindo as súas mesmas pautas arquitectónicas.

A obra foi adxudicada á empresa Construcciones Delfín Ferreiro Rodríguez S.L., tal e como pode consultarse no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia.