O conselleiro de Educación anuncia a adxudicación do proxecto da ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, da Coruña
Xesús Vázquez Abad explicou que este paso, nunha obra que da resposta as demandas da sociedade, ten un orzamento de 48.784 euros
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe a adxudicación da redacción do proxecto de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, da Coruña, cun orzamento de 48.784euros.
Cómpre recordar que o investimento inicial nesta obra será de 1.790.258 euros, e con ela dáse resposta ás demandas da comunidade educativa de Os Rosais na Coruña, que desde fai anos demanda un novo centro escolar nesta zona da cidade.
Xesús Vázquez Abad fixo este anuncio no CEIP Sal Lence, da Coruña, no que estivo hoxe dentro do marco das visitas que está a realizar a diferentes centros educativos de Galicia para coñecer en primeira persoa, acompañado polo equipo directivo e docentes do centro, as súas características e necesidades en particular.
Nova aula de idiomas
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia xunto á xefa territorial de Educación, María Teresa Fernández Villaverde; e o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; así como a directora do CEIP Sal Lence, Julia Castro Vázquez; e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, visitaron as instalacións do centro educativo. Entre as instalacións destaca a aula destinada ao proxecto Abalar que comezou este curso escolar.
Ademais cómpre destacar que a Fundación Paideia colabora con este centro grazas a un acordo coa Consellería a través do cal o centro posúe unha aula destinada ao aprendizaxe de idiomas.
Cómpre recordar que no colexio estudan 73 nenas e nenos de educación infantil e 139 de primaria. A biblioteca escolar do Sal Lence recibiu preto de 5.000 euros para a posta en marcha de iniciativas para animar aos estudantes a ler nos seus momentos de ocio.
Ao longo do día de hoxe o conselleiro e a xefa territorial de educación percorreron as instalacións do IES Monelos e o CEIP Sagrado Corazón, ambos na Coruña.
Deste xeito o conselleiro continúa a coñecer de primeira man a situación dos centros educativos da comunidade, así como as súas necesidades e as opinións das respectivas comunidades educativas.