O conselleiro de Educación visita o novo CEIP Antonio Palacios, no Porriño, que esta aberto desde o mes de xaneiro cun custe de casi catro millóns de euros

Xesús Vázquez Abad anunciou que antes de rematar o curso escolar as alumnas e alumnos terán a súa disposición a pista polideportiva cuberta situada onde estaba emprazado o antigo CEIP

Mér, 16/02/2011 - 16:32
O conselleiro de Educación visita o novo CEIP Antonio Palacios, no Porriño, que
O conselleiro de Educación visita o novo CEIP Antonio Palacios, no Porriño, que esta aberto desde o mes de xaneiro cun custe de casi catro millóns de euros

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o novo CEIP Antonio Palacios, no Porriño, e coñeceu en primeira persoa as actividades que desenvolven a diario a comunidade educativa no novo recinto escolar estreado o pasado mes de xaneiro. Así, Vázquez Abad continúa co seu percorrido polos centros de ensino galegos, nos que se achega ás necesidades específicas de cada un deles, co fin de poder darlles unha axeitada resposta.

Na visita de hoxe Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Lucia Molares; polo xefe territorial da Consellería de Educación na provincia, César Pérez Ares; polo director de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal; e por equipos directivos dos centros educativos do Porriño. Ao longo do encontro, rematado cunha comida no CEIP Antonio Palacios tamén estivo presente o alcalde do concello, Nelson Santos.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou a mediodía o CEIP Antonio Palacios no que estudan 100 alumnas e alumnos de educación infantil e 203 de primaria. Vázquez Abad lembrou o compromiso da Consellería con este centro, que rematou a construción do novo espazo en 2010 e que incrementou nun millón de euros o orzamento inicial, ao que se lle engadiu novo equipamento, sendo o investimento final de preto de 3.800.000 euros.

Este incremento foi debido ao cumprimento coa normativa e á mellora dos espazos destinados aos estudantes. Deste xeito na última etapa da construción do centro realizáronse melloras estruturais e de seguridade, asemade púxose un novo sistema de ventilación en todos os espazos habitables así como un centro de transformación imprescindible para garantir a conexión eléctrica segundo a potencia demandada.

As novas instalacións

Así Vázquez Abad anunciou que antes do remate do presente curso escolar o alumnado poderá estrear a pista polideportiva cuberta. Dito espazo está a ser construído onde estaba emprazado o antigo centro educativo. Recordou que para a realización desta obra no presente ano foi demolido o antigo CEIP, e estanse a executar os traballos de urbanización da pista deportiva.

Con esta obra estase a completar as novas instalacións que están divididas en dúas plantas. Así na zona baixa conta cun gran patio, biblioteca, zona de administración, aulas de infantil, comedor, ximnasio, aseos, vestiarios, e espazos de actividades colectivas e destinadas ao equipo docente e as Anpas. Mentres que no primeiro andar están situadas as aulas de primaria, aseos, aula de informática, aulas de pequeno grupo e a especial.

Ademais, o conselleiro puido comprobar como se están a poñer en práctica neste colexio os diversos programas educativos innovadores da Consellería de Educación, como as iniciativas de fomento da lectura entre o alumnado. A isto se lle une que o centro é plurilingüe sendo un referente para a comunidade educativa da comarca.