Educación e 'Ponte nas ondas' promoven o intercambio lingüístico galego-portugués con obradoiros de radio dixital

34 centros educativos da eurorrexión participarán nesta iniciativa durante os próximos meses

Así mesmo, organizarase un curso de formación específica dirixido ao profesorado

Sáb, 12/11/2016 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas ondas! colaborarán unha vez máis para promover o intercambio lingüístico galego-portugués entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao abeiro desta cooperación, e no marco do programa ‘Escolas nas ondas’, 34 centros educativos realizarán durante os próximos meses obradoiros de iniciación á radio, que se completarán cun curso de formación para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais, impartidos por profesionais das ondas.

Tanto esta asociación como a propia Consellería procuran promover con este programa o intercambio lingüístico entre os máis novos aos dous lados da raia, favorecendo así o estreitamento dos lazos co ámbito da lusofonía, obxectivo co que o departamento educativo da Xunta de Galicia esta fortemente comprometido e que está a poñer en marcha nomeadamente ao abeiro do desenvolvemento dos obxectivos da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía, coñecida como ‘Lei Valentín Paz-Andrade’, que aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia hai xa dous anos.

Creación e uso nas redes

Os obradoiros están destinados á formación do alumnado na creación e realización de podcasts para a súa inserción nunha plataforma dixital de difusión que poden ser as radios educativas de cada centro onde se desenvolva. Entre outros contidos, abordaranse nocións básicas de vocalización e dicción, dramatización de textos, exercicios de ‘roll play’, análise de ‘podcasts’, aprendizaxe de escritura de textos para ser locutados, aprendizaxe de uso das ferramentas de gravación e edición de son, así como o uso das redes sociais en relación con isto.

Os obxectivos que se perseguen con estes obradoiros son fundamentalmente o fomento de radios dixitais realizadas polo alumnado e a integración en plataformas sociais de comunicación para a difusión dos contidos. Para alén diso, desde ‘Ponte...nas ondas!’ estase  a preparar un portal das radios dixitais escolares que será o soporte de difusión dos centros que teñan esta vía de comunicación.

Difusión e posta en valor do patrimonio galego-portugués

Ademais do apoio á realización destes obradoiros, a Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística– tamén colabora este ano con Ponte nas ondas...! na celebración da XVI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa para lle dar continuidade ao labor de difusión e transmisión do patrimonio cultural e lingüístico galego-portugués que se vén desenvolvendo dende hai dúas décadas, así como noutras liñas de traballo que ten en marcha a asociación a prol da inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na listaxe representativa da Unesco.

Ponte... nas ondas! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países. O programa foi recoñecido, entre outros galardóns, co Selo de Boa Práctica Iberoamericana Leer.es, pola calidade da experiencia para o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística, e pola súa achega ao entendemento, interpretación e avaliación de textos en diferentes soportes empregando as TIC e a Rede como ferramentas de aprendizaxe e difusión.

Menús News node R