Educación e “Down Galicia” colaboran para mellorar a atención educativa do alumnado con esta síndrome
A Consellería e a entidade levarán a cabo iniciativas conxuntas para atender ás necesidades específicas destes rapaces
Avanzar nunha escola máis inclusiva que dea unha resposta axeitada á diversidade dos alumnos é unha das liñas estratéxicas do departamento educativo do Goberno galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down, “Down Galicia”, reforzan a súa colaboración para mellorar a atención educativa ao alumnado con este síndrome ou con discapacidade intelectual.
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, e mailo presidente de “Down Galicia”, Delmiro Prieto, asinaron hoxe un convenio para a posta en marcha de accións conxuntas dirixidas a favorecer a educación para este alumnado.
Este acordo enmárcanse dentro das liñas estratéxicas do departamento educativo da Xunta de avanzar nun sistema educativo máis inclusivo, que dea unha resposta axeitada á diversidade do alumnado. Nesta liña, o departamento que dirixe Román Rodríguez vén traballando con diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción integral acaída ás súas peculiaridades.
Ao abeiro deste acordo, a Consellería colaborará con esta entidade con accións de formación do profesorado, do persoal dos servizos complementarios, e dos orientadores que atenden aos rapaces con Down e con discapacidade intelectual.
Así mesmo, a Consellería facilitará que os profesionais desta entidade colaboren cos centros docentes en labores de asesoramento tanto do profesorado coma das familias, na orientación sobre as metodoloxías máis axeitadas, e na posta a disposición de información complementaria que lles poida servir de axuda no día a día, tanto a nivel escolar como familiar.
Deste xeito, os profesionais de “Down Galicia” poderán colaborar na orientación sobre metodoloxías axeitadas, proporcionar formación e información naqueles aspectos que o persoal dos centros docentes requira en relación co tratamento do alumnado con esta síndrome, e prestar asesoramento sobre recursos tecnolóxicos e estratexias didácticas e organizativas que favorezan a inclusión deste colectivo.