Comezan os cursos de formación a docentes sobre cómo tratar ao alumnado con TDAH
Están impulsados polas Fundacións INGADA e María José Jove en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación
Van dirixidos a profesorado de Primaria, Secundaria e Bacharelato
A sede da Fundación María José Jove, na Coruña, acolle durante este mes de outubro o primeiro dos cursos de formación de profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), que consta de 25 horas de formación teórica e práctica impartida por un equipo multidisciplinar formado por profesores, pedagogos, psicólogos, logopedas, expertos en aspectos clínicos e prevención. Todos estes profesionais abordarán aspectos como os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula, ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.
Este programa formativo realízase ao abeiro dun convenio de colaboración anual entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA). Os cursos van dirixidos a 200 docentes de ensinanza primaria, secundaria e bacharelato e, ademais de na sede da Fundación María José Jove, tamén se imparten nos Centros de Formación e Recursos (CFR) de Lugo, Ourense e Pontevedra.
O obxectivo desta iniciativa -que se leva a cabo por terceiro ano consecutivo- é aportar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa integración.
Os docentes que participan no programa formativo deberán presentar un proxecto final que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso. Posteriormente, as fundacións María José Jove e INGADA convocan unha beca, dotada con 3.000 euros, para o proxecto seleccionado polo comité avaliador. A formación presencial completarase ao longo do curso cunha oferta formativa a distancia, que permitirá que o profesorado que desexe formarse nesta materia, poida acceder aos contidos e recursos desta formación dun xeito máis cómodo.