Cultura e Universidade de Vigo promoven un programa de prácticas en museos, arquivos e bibliotecas de Galicia
Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería e a UVigo, o alumnado poderá recibir formación académica externa sobre patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico e documental
Os estudantes da Universidade de Vigo poderá realizar prácticas académicas externas nos museos, arquivos e bibliotecas de Galicia, ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a UVigo.
Neste marco de colaboración, o alumnado da Facultade de Historia poderá exercer formación práctica externa vinculada a actividades de protección, xestión, difusión e investigación do patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico e documental de Galicia. Tamén poderán acceder a prácticas relacionadas coa xestión, investigación, difusión e organización dos arquivos, bibliotecas e museos de Galicia.
O obxectivo deste convenio é que os estudantes se preparen do mellor xeito posible para o exercicio profesional futuro nas áreas mencionadas.
Poderán optar a estas prácticas todos os alumnos matriculados na Universidade de Vigo nunha ensinanza universitaria vinculada ás competencias básicas, xenéricas e/ou específicas que adquirirá ao realizar a práctica. No caso das prácticas curriculares, o alumno deberá estar matriculado na materia vinculada segundo o plan de estudos de que se trate.
As prácticas estarán supervisadas por dous titores, un designado pola Consellería de Cultura e Educación e outro académico por parte da Universidade de Vigo, que deberá ser profesor preferentemente da propia Facultade de Historia e, en todo caso, afín ás ensinanzas vinculadas ás prácticas.