Vázquez Abad destaca no Parlamento a aposta do goberno da Xunta polo futuro das universidades galegas

O conselleiro de Educación recordou que o Plan de Financiamento 2011/2015 pon as bases do sistema universitario sobre a calidade e os resultados

Mar, 08/02/2011 - 13:30
O conselleiro de Educación comparece no Parlamento
O conselleiro de Educación comparece no Parlamento

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a aposta polo futuro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que supón o novo Plan de Financiamento Universitario 2011-2015, cun modelo que ofrece “un deseño moderno e dinámico, con capacidade para se adaptar aos cada vez máis frecuentes cambios do entorno”, na busca da excelencia e a eficiencia nos resultados das universidades. “Non é un documento pechado”, incidiu, ao sinalar que evolucionará no quinquenio para ir recollendo os resultados destas institucións académicas de acordo co establecido no plan.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que, no horizonte da necesaria adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), “ a nova estrutura do plan sustenta a nova visión da Universidade, na que se supera a mera función de institución transmisora de coñecemento para apelar ao seu papel como referente na innovación, na creación de valor e na sustentabilidade”.

O titular do departamento de Educación lembrou que o Plan de Financiamento 2011-2015 é un plan consensuado entre as tres universidades e a Xunta; un acordo que o goberno anterior non fora quen de acadar. Ademais, Vázquez Abad puntualizou que Galicia lidera no conxunto do Estado a implantación dun novo modelo que, tal e como acordaron o Ministerio e as Comunidades, “convértese nunha folla de ruta para definir as universidades máis fortes e cunha potente proxección internacional”; e “un novo marco de financiamento sostible, suficiente, equitativo e eficiente, que permita o cambio e a modernización das universidades no horizonte do medio prazo”.

Novos pasos

O conselleiro de Educación fixo un repaso polos pasos dados nas últimas semanas para elaborar os 20 indicadores que condicionarán o apartado de financiamento por resultados. “Nestes momentos están a recibirse das universidades os datos necesarios e nos próximos días terminarase de elaborar o borrador dos tres contratos-programa bilaterais para os anos 2011 e 2012”, explicou. As previsións da Consellería é poder enviar estes documentos ás universidades a finais de febreiro “ e espérase poder asinalos no mes de marzo”, engadiu.

Doutra banda, Vázquez Abad explicou que as universidades teñen ata o 15 de febreiro para entregar os seus respectivos plans de sustentabilidade; e que xa está convocada  para o 23 de febreiro a constitución do grupo de traballo que se encargará de facer propostas de aforro para o SUG.

Unha estrutura para a evolución

Coa finalidade de “espertar nas universidades e no seu persoal unha mentalidade emprendedora, favorecendo e impulsando a creatividade, a iniciativa e a innovación”, o acordo realiza unha aposta pola concorrencia competitiva, cun esqueleto baseado no financiamento estrutural, o financiamento por resultados – docentes, de investigación, e de transferencia tecnolóxica-, e o financiamento por mellora da calidade.

Así, o conselleiro lembrou que a partires do exercicio 2012 vincularase cada ano o equivalente do 5% do total do fondo de subvención fixa do financiamento estrutural a novos criterios relacionados cos resultados das  universidades, de xeito que no 2015 un 20% deste fondo repartirase en función deles. Así mesmo, este compoñente do plan contempla unha subvención por capacidade investigadora.

Respecto do compoñente de financiamento por resultados, Vázquez Abad lembrou que os fondos destinados a este compoñente do plan distribuiranse mediante convocatorias en réxime de concorrencia competitiva, así como por medio de contratos-programa individualizados para cada unha das universidades do SUG; para o que se artellarán no tempo de vixencia deste plan dous contratos-programa para cada unha das universidades. As medicións dos resultados realizaranse aplicando o panel de 20 indicadores aprobado polo Consello Galego de Universidades.

De acordo coa capacidade de adaptación do Plan, a Subvención por Resultados de Investigación evolucionará, co resultado de sumar tres puntos no crecemento do PIB nominal da Comunidade Autónoma en cada dous anos. Da mesma forma, a Subvención por Resultados de Transferencia Tecnolóxica evolucionará co resultado de sumar tres puntos ao crecemento do PIB nominal da Comunidade Autónoma en cada un dos anos.

En canto ao financiamento por mellora da calidade, que recollerá actuacións dirixidas á mellora de aspectos formativos, investigadores e de creación de infraestruturas; a partir do 2012 a distribución destes fondos vincularase directamente ao cumprimento ao cumprimento das medidas previstas nos Planos de Sustentabilidade para os anos 2011, 2012 e 2013, que cada universidade deberá presentar antes do 15 de febreiro.

Superar o pasado

A estrutura do Plan de Financiamento 2011-2015 demostra que, tal e como recalcou o conselleiro “o réxese por novos criterios ligados aos resultados e á calidade”. “O Plan 2011-2015 permite ás universidades galegas contar cuns recursos suficientes e blindados”, destacou Vázquez Abad, “ao mesmo tempo que fixa como compromisos acadar a estabilidade  orzamentaria, unha xestión máis eficaz, a innovación e a transferencia de coñecemento”. Ademais, o acordo recolle “un exercicio de ambición para cumprir o obxectivo de que a Xunta destine ao SUG o 1% do PIB”, engadiu.

Trátase pois dun modelo dinámico e flexible, resumiu o conselleiro, “que pode evolucionar para superar as situación vividas no pasado”, como a do modelo ideado para o período 2005-2010, que facía depender en exceso o financiamento da evolución dos ingresos non financieiros dos orzamentos consolidados da Xunta de Galicia. Este plan, lembrou “repercutiu de xeito moi negativo no financiamento das universidades”, e fixo necesario recorrer a achegas complementarias da Administración galega nos exercicios 2009 e 2010 para compensar as súas eivas.

“O novo financiamento debe concibirse como un instrumento de cambio e non de mantemento de actuais inercias”; e que “supón un compromiso da Universidade para se modernizar internamente, mellorando os seus indicadores de eficacia e eficiencia, avanzando cara unha xestión máis acorde á complexidade actual e promovendo unha maior responsabilidade socioeconómica coa contorna local ou territorial”, rematou