Xesús Vázquez Abad clausura a XIII edición do salón galego de gastronomía e turismo, Xantar 2011, celebrado en Ourense
A Consellería de Educación participou no encontro, que comezou o pasado 2 de febreiro, coa participación de estudantes dos IES Vilamarín e o CIFP A Farixa
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe a XII edición do salón de Gastronomía e Turismo, Xantar 2011, que se celebrou desde o pasado 2 de febreiro en Expourense, destacando o seu "total éxito no ámbito galego, español e internacional “.
Vázquez Abad sinalou que “Galicia é unha das comunidades que maior atención dedica ao turismo e ás diversas actividades que atinxen a esta importantísima fonte de recursos”, e que son apoiadas desde a Consellería que dirixe. Nesa liña, o titular de Educación destacou a presenza de centros educativos neste encontro, e sinalou que “calquera visitante se decataría de que o IES Vilamarín, a nosa Escola de Hostalaria en Ourense, da que estamos orgullosos, veterana xa deste Salón, participa cada vez con mellores resultados". "Tamén, como non, quero felicitar ao Centro Integrado de Formación Profesional da Farixa, cuxos alumnos atenderon un stand moi visitado no que brindaron información sobre Hostalaría e Turismo, e difundiron un interesante programa de cultura emprendedora: eduemprende”, engadiu.
Esta edición o incremento do número de postos, nun 13%, acadando os 137 demostrou que se trata dun evento consolidado, que permite aos profesionais dar a coñecer os seus produtos e servizos. Entre os expositores incluíronse 19 restaurantes procedentes de Galicia, outras comunidades autónomas e de Portugal e Francia, país invitado nesta edición. Todos eles ofertaron ao longo destes días 29 menús, con prezos que oscilaron entre os 12 e os 32 euros, a través dos que deron a coñecer as distintas tendencias gastronómicas.
Educación en Xantar 2011
Entre os participantes destacou, un ano máis, a presenza de centros e estudantes da Consellería de Educación. Así o IES Vilamarín participou con tres stand nos que ofertou degustacións de elaboracións de pastelería e cociña, dando mostra do excelente nivel acadado durante o proceso de formación. Asemade o IES tamén tivo presenza no restaurante do país
convidado nesta edición, grazas a un convenio de colaboración co Lycee Chaptal da Bretaña francesa, centro co que ten un intercambio de alumnado para a formación en centros de traballo a través de prácticas. Neste espazo estiveron tres profesores e catro estudantes procedentes de Francia. Finalmente, o terceiro stand estivo completamente dedicado a coctalaría, como fomento do ciclo medio de Servizos de Restaurante e Bar, e os módulos do ciclo superior de Restauración. Neste espazo os participantes contaron coa colaboración da Asociación Galega de Barmans. Así ao longo destes días as alumnas e alumnos do Vilamarín estiveron a facer e servir un cóctel creado para a ocasión, o “Cosmoxantar”.
Por outra banda tamén participaron as alumnas e alumnos do CIFP A Farixa, que desde o seu stand deron a coñecer aos visitantes a oferta formativa das distintas familias de Formación Profesional, con especial atención á Hostalaría e Turismo. Así mesmo no mesmo espazo tamén deron a coñecer toda a información relativa ao programa da Xunta eduemprende, para o fomento da cultura emprendedora. Cómpre destacar que esta iniciativa está enmarcada dentro do fomento do espírito emprendedor e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere transmitir á comunidade educativa, tarefa para a que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia).
Obxectivos desta edición
O Xantar 2011 tivo como obxectivos marcar o comezo da promoción do Entroido deste ano, así como sinalar o inicio do calendario para as máis de 300 festas gastronómicas que se celebran ao longo do ano en Galicia. Ademais, este encontro foi o escollido para divulgar a Dieta Atlántica, a través do VI Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde. Ao mesmo tempo reforzouse a oferta gastronómica no ámbito do turismo rural, e marcouse o posicionamento dun proxecto de cooperación interterritorial e transfronteirizo. Todo isto na mesma liña tamén se fomentou o desenvolvemento rexional a través do turismo e da gastronomía de calidade, promocionando os servizos galegos relativos ao mundo da hostalería no seu conxunto.
No acto tamén estivo presente a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, que durante a súa intervención destacou o éxito de público acadado nesta duodécima edición de Xantar e resaltou algunhas das novidades de Xantar 2011 como a incorporación da promoción e difusión das Festas Gastronómicas de Galicia que constitúen un potente recurso turístico e calificou Xantar como "o noso mellor escaparate para a cociña particular de cada unha das nosas vilas e cidades". Tamén fixo fincapé nas iniciativas formativas que tiveron lugar durante as cinco xornadas de feira como os obradoiros gastronómicos nos que se elaboraron coidadosas receitas, as clases de cociña para nenos, maiores e singles, os talleres dirixidos a aprender a elaborar cartas de viños e augas ou as demostracións de receitas de alta cociña utilizando as nosas excelentes conservas de peixe e marisco.
Doutra parte, a secretaria xeral para o Turismo loubou a proxección internacional e nacional que está a acadar este encontro do turismo e a gastronomía de Galicia e destacou a presenza na mesma de numerosos medios de comunicación que retransmitiron dende o recinto feiral de Expourense información relacionada co mellor da gastronomía da nosa terra.
No acto o conselleiro de Educación e a secretaría xeral para o Turismo estiveron acompañados polo presidente do Comité Executivo de Expourense, Celso Barbosa; a presidenta do Centro Comercial Aberto do Barco, Rosario López; o alcalde de O Barco, Alfredo Laudelino e Francisco, e a tenente de alcalde de Ourense, Isabel Pérez. Ademais estiveron presentes diversas autoridades provinciais e locais entre as que se atopaban o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e representantes da Cámara Municipal de Viana do Castelo.