O conselleiro de Educación clausura o acto académico de San Raimundo de Peñafort, celebrado no campus de Ourense
A celebración da festa de Dereito, organizada pola Universidade de Vigo, concluíu coa licenciatura de 29 alumnos e alumnas
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de licenciatura de 29 estudantes de Dereito con motivo dos actos en honor ao patrón da facultade, San Raimundo Peñafort, que se celebrou na Facultade de Dereito do campus de Ourense.
A celebración, organizada pola facultade de Dereito da Universidade de Vigo, contou coa presenza do reitor, Salustiano Mato, os decanos das Facultades de Dereito de Galicia, Miguel Michinel Álvarez, en Ourense; Eloy Miguel Gayan Rodríguez, na Coruña; e Luis Míguez Macho, en Santiago de Compostela. Ademais, asistiron a decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo, Ana María Pita Grandal; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio; así cómo o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial de educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.
O acto académico pechou as actividades celebradas en torno á festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón das ensinanzas de Dereito, e que nos séculos XII e XIII foi un insigne xurista, teólogo e humanista. A XVI promoción da Facultade de Dereito foi apadriñada por Virxilio Rodríguez Vázquez, profesor da Facultade de Dereito de Ourense. Na mesma cerimonia nomeouse membro honorario do claustro de profesores da Facultade a José Manuel Sobrino Heredia, catedrático en Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña.
Tras isto Ángel Parada Penedo e Rocío Paz Vázquez falaron en representación de todos os estudantes. Cómpre destacar que Parada Penedo, non só representa aos seus compañeiros, senón que ademais é a imaxe do esforzo, a superación, e os desexos de adquirir coñecementos, xa que este catedrático de instituto xubilado rematou os estudos no tempo previsto e cunhas notas destacadas. Deste xeito este alumno é un referente para vindeiras promocións.
Vázquez Abad felicitou aos novos licenciados e lembroulles que de agora en diante deberán exercer a profesión “tendo como principio a honestidade que vos caracteriza para levar a bo termo o voso traballo”. “Dispoñedes –engadiu- dunha elevada capacitación que vos permitirá contribuír de forma moi valiosa á prosperidade e ao benestar social”.
O conselleiro rematou agradecendo o seu traballo ao profesorado da Facultade de Dereito e ao Persoal de Administración e Servizos; e animándoos “a seguir traballando con ilusión e a continuar co voso compromiso pola mellora da calidade que proporciona a nosa Universidade”.
O acto finalizou coa interpretación do Gaudeamus Igitur e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, pechou o encontro en torno a San Raimundo Peñafort ata o vindeiro ano.