A Consellería de Educación e Navantia impulsan o primeiro proxecto de FP Dual en Ferrol
O conselleiro Román Rodríguez e o director do estaleiro de Ferrol asinaron un convenio de colaboración para desenvolver esta modalidade no ciclo de grao superior de Mecatrónica Industrial no CIFP Ferrolterra
Poderán matricularse arredor de 12 alumnos e alumnas, que alternarán a súa formación no centro educativo co centro de traballo, o que favorecerá a súa futura inserción laboral
O proxecto comezará este curso 2016/17, no que arrincan 21 ciclos de FP Dual, incrementando nun 101% as prazas con respecto ao ano anterior
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director do estaleiro de Navantia en Ferrol, Julio Martín Ramos, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer en marcha o primeiro proxecto de FP Dual na comarca de Ferrolterra. En concreto, esta modalidade desenvolverase no ciclo de grao superior de Mecatrónica Industrial no CIFP Ferrolterra, co que se amplía e diversifica a oferta do centro e, ademais, supón o primeiro ciclo desta natureza no concello.
Tal e como destacou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, este convenio ten dous obxectivos fundamentais. O primeiro, seguir ampliando a formación dos mozos e mozas, que alternarán os estudos no centro educativo co centro de traballo, o que favorecerá a súa futura empregabilidade e inserción laboral. E, o segundo obxectivo pasa por potenciar a competitividade da empresa, que formará ao alumnado segundo as súas necesidades e circunstancias específicas.
Neste caso concreto, a formación do alumnado farase, de xeito compartido, entre o CIFP Ferrolterra e a empresa Navantia, “dous referentes” nos seus respectivos ámbitos, destacou Román Rodríguez. Deste xeito, os mozos e mozas coñecerán de preto as demandas concretas do tecido produtivo da comarca e obterán unha alta cualificación e unha preparación adaptada aos postos de traballo actuais e futuros.
Alumnado beneficiado
Neste primeiro proxecto de FP Dual na comarca poderán matricularse arredor de 12 alumnos e alumnas, que recibirán unha bolsa mensual. De feito, nos vindeiros días sairá publicada a convocatoria no DOG, posto que o ciclo comezará este mesmo mes de outubro e terá unha duración de tres cursos, rematando no 2018/19.
Incremento exponencial da FP Dual
Nos últimos anos o departamento educativo da Xunta está realizando unha forte aposta pola FP Dual como modalidade fundamental para seguir avanzando no impulso xeral á Formación Profesional. Neste sentido, neste curso 2016/17 arrincaron 21 ciclos de FP Dual en Galicia, 15 deles, contando este con Navantia, completamente novos. É dicir, as prazas incrementáronse nun 101% con respecto ao ano pasado e prevese que a matrícula supere os 500 alumnos e alumnas.
Neste contexto, o conselleiro agradeceu a colaboración e implicación de Navantia por crer na FP e nesta modalidade Dual, que beneficia tanto aos alumnos como á propia empresa e, en consecuencia, á sociedade en xeral, posto que se nutrirá de profesionais cada vez máis especialistas, polivalentes e altamente cualificados para dar resposta ás demandas dos sectores produtivos.
Compromiso do empresariado da comarca
Así mesmo, tamén salientou o compromiso do empresariado desta comarca co impulso á Formación Profesional. Neste sentido, cómpre lembrar os convenios asinados a finais do mes de xuño coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra e coa Asociación de Empresarios da mesma comarca para favorecer as prácticas FCT (Formación en Centros de Traballo) do alumnado en empresas adheridas a estas dúas entidades e para promover proxectos de FP Dual.