Román Rodríguez comparte co alumnado do IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, o inicio do curso de ESO e bacharelato
A xornada desenvolveuse con normalidade para os máis de 146.500 alumnos que iniciaron hoxe as clases
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou esta mañá aos alumnos e alumnas do IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, no seu primeiro día do curso 2016/17. O período lectivo comeza hoxe para os 408 rapaces e rapazas cos que conta o centro e para máis de 146.500 escolares de Educación Secundaria e Bacharelato en Galicia, que se incorporaron ás clases. A normalidade foi a tónica xeral.
Román Rodríguez aproveitou a visita ás instalacións deste centro para darlle a benvida aos alumnos na súa primeira xornada lectiva, así como para comprobar as actuacións levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Educación nas súas instalacións de cara a este curso. Precisamente neste Instituto leváronse a cabo obras por un importe de case 33.000 euros, que permitiron instalar unha pasarela de acceso ao edifico principal así como melloras no tellado do edifico de Secundaria, que xa está rematada; e a impermeabilización das fachadas dese mesmo edificio, que se rematará este mesmo mes pero que, tal como subliñou o conselleiro, non interfire para nada no desenvolvemento do curso.
O conselleiro explicou que este novo curso chega con varias novidades, como novas materias de libre configuración, a introdución dos itinerarios en 4º de ESO – opción académica e opción aplicada-, en definitiva, de novas oportunidades para as alumnas e alumnos, unha vez xa se desenvolveron sen problemas os currículos adaptados á LOMCE en todos os niveis non universitarios. Así mesmo lembrou que sigue avanzando o plurilingüismo nas aulas, chegando este ano a uns 100.000 estudantes, así como a inserción das novas tecnoloxías nos centros educativos.
Durante a súa visita, Román Rodríguez estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Centros, José Manuel Pinal; da secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado; e da xefa territorial na mesma provincia, Mercedes Gallego.
Proba final de ESO sen efectos académicos
Ante a implantación da Lomce por primeira vez neste ano en 2º e 4º de ESO e en 2º de Bacharelato, o conselleiro de Cultura e Educación aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade a todo o alumnado destes cursos. Román Rodríguez reiterou a demanda ao Ministerio de que a avaliación final de etapa de ESO non teña unha repercusión académica no expediente do alumnado e non contabilice para a obtención do título de ESO. Neste sentido lembrou que tal como establece a Lei, xa non vai condicionar o paso do alumnado á seguinte etapa neste curso que agora comeza.
Respecto da proba de final de etapa de Bacharelato e de acceso á universidade o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que podería ser moi parecida á actual, e que se vai poder desenvolver con total normalidade neste curso, que vai ser o seu primeiro ano de implantación.
Declaracións do conselleiro