Un total de 26 novos centros escolares incorporan o ensino plurilingüe por primeira vez neste curso
A Rede de Centros Plurilingües de Galicia está composta por 282 colexios, e todos eles contan cun auxiliar de conversa nativo
Ata o venres permanece aberto o prazo para participar na “English Week”, unha estadía de inmersión lingüística en réxime de internado durante unha semana totalmente gratuíta para os rapaces
A aprendizaxe de idiomas é unha liña estratéxica do Goberno galego para avanzar nun ensino público que xere máis equidade social e máis oportunidades
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos novos centros escolares que incorporan o ensino plurilingüe neste curso 2016/17. Trátase dun total de 26 colexios a razón de 13 na provincia da Coruña, 3 en Lugo, 1 en Ourense e 9 en Pontevedra. O listaxe completo pode consultarse no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/18556 . Como é sabido, as accións en materia de plurilingüismo están dirixidas ao alumnado das etapas de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, co fin de que melloren as súas competencias en lingua estranxeira.
A día de hoxe a Rede de Centros Plurilingües de Galicia -que beneficia a máis de 40.000 alumnos- está composta por un total de 282 centros escolares (un 10,5% máis que o pasado curso), que impartirán ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira e con apoio dun auxiliar de conversa nativo, co que contan todos eles.
Así mesmo, este curso tamén se reforzan as seccións bilingües en 43 novos centros escolares. Deste xeito, este 2016/17 aumentan en 284 as seccións bilingües, polo que o número total de seccións que existen desde que se puxeron en marcha hai oito anos acada as 3.914, e nelas participan uns 55.000 alumnos.
Aberto o prazo para participar na English Week
Dentro destas iniciativas, a Consellería de Cultura e Educación mantén aberto ata o próximo venres, día 16, o prazo para a “English Week” , dotada con 1.125 prazas para este outono (un 400% máis que o ano pasado). Está dirixida a rapaces de 6º de Primaria e de ESO, que poderán beneficiarse dunha estadía de inmersión lingüística en inglés durante unha semana en réxime de internado e totalmente de balde para as familias. E dicir, que os rapaces pasan unha semana nun campamento con profesores nativos en inglés e monitores, e onde se compaxinan as actividades formativas con outras de carácter lúdico. A convocatoria poden consultarse no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/19682 .