Galicia solicitará ao Ministerio que a avaliación de final de etapa de ESO non teña efectos académicos
O conselleiro de Cultura e Educación explicou hoxe no programa ‘Bos Días’, da TVG, que a intención da Xunta é que a proba teña carácter diagnóstico
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou hoxe no programa ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia que o seu departamento ten solicitará ao Ministerio do ramo que a proba final de etapa de Educación Secundaria Obrigatoria non teña efectos académicos. Neste sentido lembrou que esta avaliación prevista pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) xa non vai condicionar o paso do alumnado á seguinte etapa no curso 2016/2017, o primeiro de aplicación da mesma.
Román Rodríguez considerou que as avaliacións son positivas como ferramenta de diagnose, para obter información sobre as fortalezas e eivas do sistema educativo. De feito, a gran maioría dos países europeos realiza este tipo de probas nos seus centros educativos. A este respecto o conselleiro lembrou que, por exemplo, a primeira proba de 3º de primaria realizada ao abeiro da LOMCE serviu para definir de forma máis axeitada os contratos-programa subscritos por numerosos centros, o que redunda nun beneficio para o alumnado, ao poder axustarse máis os programas de reforzo ás súas necesidades particulares.
O conselleiro incidiu na vontade e disposición negociadora que ten manifestado o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte neste sentido, así como no seu interese por acadar un pacto educativo que acade o maior consenso de todos os axentes implicados en prol da mellora do ensino en España. Ademais, reafirmou a lealdade institucional da Consellería no marco desta proposta que se vai realizar ao Goberno central.
Respecto da proba de final de etapa de Bacharelato e de acceso á universidade o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que o Ministerio e a Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE) configuraron un grupo de traballo para abordar este asunto e confiou en poder adaptar a Galicia os seus resultados configurando unha proba que non altere de forma significativa o sistema actual.