A FP galega representa a Europa nas olimpíadas destas ensinanzas de Corea do Sur
Unha alumna e un profesor do IES Escola de Imaxe e Son da Coruña participan estes días na competición nacional de 'skills' do país asiático
Son os únicos españois que participan neste evento
Unha alumna e un docente do ciclo formativo do IES Escola de Imaxe e Son da Coruña, están a participar ata o vindeiro día 12 de setembro nas olimpíadas de Formación Profesional de Corea do Sur, as coñecidas como 'skills'. Trátase da única representación española nesta competición nacional, ao abeiro do convite realizado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para que a FP galega representase a España neste evento.
Esther Insua López, e o seu profesor, David Miguel Vázquez Santamaría, do ciclo formativo de grao superior Animacións 3D, xogos e contornos interactivos do devandito instituto coruñés, farán en Seúl unha exhibición da formación profesional que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, así como do tipo de proxectos que realizan no ciclo concreto que representan. Trátase, polo tanto, dunha gran oportunidade para incrementar o prestixio destas ensinanzas e amosar a súa calidade e innovación a nivel internacional.
Aínda que a delegación galega non compite nestas olimpíadas, si o fan arredor de 2.000 mozos e mozos coreanos, que amosan as súas competencias en 49 especialidades diferentes. O evento conta con centos de visitantes e é clasificatoria para a participación nas World Skills de AbuDhabi de 2017.