Xornadas de formación para facilitar a posta en práctica dos mellores proxectos de dinamización lingüística educativa

O profesorado implicado nos traballos gañadores dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística participou nesta iniciativa organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística

Dom, 30/01/2011 - 11:22
Xornadas de formación
Xornadas de formación para facilitar a posta en práctica dos mellores proxectos de dinamización lingüística educativa

Facilitar a aplicación dos proxectos de dinamización lingüística educativa. Ese foi o principal obxectivo das xornadas de formación que vén de organizar esta fin de semana en Santiago de Compostela a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os destinatarios desta iniciativa, que tivo lugar no IES As Fontiñas, foron os profesores e profesoras implicados nos proxectos gañadores dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, que convocan a secretaría xeral e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Así mesmo, tamén asistiu á xornada  profesorado doutros centros educativos que presentaron proxectos á convocatoria, así como os coordinadores e coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega provinciais.

Durante a xornada de formación, os equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino premiados tiveron ocasión de presentar os seus traballos, que están a poñer en marcha no presente curso escolar. Así mesmo, dúas especialistas na materia, Ana Iglesias e Salomé Díaz, afondaron nas características que debe cumprir un bo proxecto de dinamización, ao tempo que facilitaron recomendacións de boas prácticas para a execución dos traballos gañadores, co fin de acadar uns resultados máis eficaces e eficientes.

Os mellores proxectos de innovación en dinamización lingüística

Os gañadores dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística 2010, nos que participaron un total de 37 centros de toda Galicia, foron o CEIP de Aguiño, en Ribeira (A Coruña), polo proxecto Onde a terra acaba e o mar começa; o CEIP de Quintela, en Moaña (Pontevedra), polo traballo En galego pola rede II; o CRA Mestra Clara Torres, en Tui (Pontevedra), grazas á iniciativa Unha andaina “Artic” en galego; o IES Perdouro, en Burela (Lugo), que se presentou co proxecto Dinamización sociolingüística de Burela: intervención dinamizadora da Sanidade; e, finalmente, o IES Rodeira, en Cangas (Pontevedra), polo traballo Que sorte falarmos en galego!

A través destas xornadas de formación, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca axudar os equipos de dinamización, a través de recomendacións e pautas, no desenvolvemento dos seus proxectos de fomento do uso da lingua galega desde o ámbito educativo

Menús News node R

Colectivo

Tema