Educación destina máis de 700.000 € a obras de mellora en centros escolares en Vila de Cruces
A Consellería iniciará este outono a reforma enerxética integral do CEIP Nosa Señora da Piedade, que suporá un investimento de case medio millón de euros
Tamén acometerá a ampliación do IES Marco do Camballón, á que se destinan 300.000 euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai investir máis de 700.000 euros tan só neste ano en importantes obras no CEIP Nosa Señora da Piedade e no IES Marco do Camballón, ámbolos dous en Vila de Cruces. Así o deu a coñecer esta mañá o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, nunha visita a ditos centros.
Román Rodríguez explicou que estas actuacións son un exemplo do compromiso do seu departamento coa mellora das infraestruturas educativas en xeral, e co Concello de Vila de Cruces en particular, xa que a actuación de reforma enerxética do CEIP Nosa Señora da Piedade é unha das que máis investimento absorbe de todas as que se van acometer na provincia de Pontevedra.
No percorrido o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela.
IES Marco do Camballón
No IES Marco do Camballón a Consellería vai acometer unha importante ampliación das instalacións para dar servizo ás novas demandas da Formación Profesional. De feito, na a ampliada albergará dúas novas aulas taller, unha aula específica e dous almacéns, todo ilo coa finalidade de atender as necesidades derivadas da implantación do novo ciclo de “Atención a persoas dependentes”. O orzamento desta obra, -que está previsto que se inicie no outono deste mesmo ano- ascende a uns 300.000 euros.
Esta obra enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas 2016-2020, no que se inclúe un apartado específico para a ampliación e dotación de aulas e talleres coa finalidade de continuar coa implantación da FP Básica e de novos ciclos formativos.
CEIP Nosa Señora da Piedade
No CEIP Nosa Señora da Piedade, vaise levar a cabo unha obra integral de mellora da eficiencia enerxética do edificio que implica un investimento de mais de 400.000 euros.
Neste momento a obra está en fase de licitación á espera de presentar e analizar as ofertas presentadas co fin de que os traballos comecen este outono. O conselleiro especificou que as obras estarán planificadas de xeito que interfiran o menos posible no desenvolvemento do curso escolar.
As reformas que se levarán a cabo abranguen a colocación dunha nova carpintería en todo o pechamento exterior do edificio, con dobre ventá con rotura de ponte térmico e recheo da cámara de aire con material illante.
No interior procederase á substitución do falso teito actual por outro de paneis acústicos. Así mesmo, substituirase toda a iluminación por unhas luminarias tipo Led, con detectores de movemento e sensores para mellorar o aforro.
Investimentos para a comarca de Deza e Tabeirós
A Consellería de Cultura e Educación investirá ao longo deste verán e outono un total de 1,3 millóns de euros en obras de mellora de dez centros educativos das comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes. Todas estas actuacións contémplanse no Plan da Consellería de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade (co que o Goberno central recompensa a Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit). No conxunto de Galicia o investimento ascende a máis de 39,7 millóns de euros, cos que se realizarán 683 actuacións en 527 centros de ensino de 219 concellos de toda a xeografía galega.