Cultura e Educación e a Comisión Fulbright colaborarán para incorporar máis auxiliares de conversa
En total, máis de 500 persoas prestarán este apoio en centros de ensino galegos o vindeiro curso, un 11% máis ca no curso anterior
Deste xeito, Galicia volverá ser unha das CCAA con máis auxiliares de conversa, en liña coa aposta polo plurilingüismo que está a facer a Xunta
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración con Emilia A. Puma, copresidenta da Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América ( e conselleira para a diplomacia pública da Embaixada de Estados Unidos en España); para a incorporación de 12 auxiliares de conversa de alto perfil académico o vindeiro curso ao sistema educativo galego.
Segundo o establecido no acordo, propia Comisión farase cargo do proceso de preparación e difusión da convocatoria e da preselección das persoas auxiliares de conversa, segundo os criterios de obxectividade, calidade e independencia que rexen os seus programas; e encargarase do seguimento do programa e da xestión do aboamento das compensacións mensuais ás persoas bolseiras, así como da organización dos seminarios de orientación e seminario de seguimento e evolución que se realiza para todas as persoas bolseiras Fulbright estadounidenses en España. As persoas auxiliares de conversa, que estarán en España en condición de bolseiros Fulbright, serán destinadas a realizar tarefas de apoio de ensinanza do inglés, xa sexa na materia de lingua inglesa, xa noutras materias impartidas no dito idioma.
Compromiso co Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras
En total, no curso 16-17 apoiarán aos centros galegos máis de 500 auxiliares de conversa, o que supón un incremento dun 11% respecto do curso 2015/2016. Deste xeito, Galicia volverá ser unha das CCAA con máis auxiliares de conversa, en liña coa aposta polo plurilingüismo que está a facer a Xunta
A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade, eixo sobre o que pivotan os currículos dos centros implicados no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.
Debido ao alto perfil académico dos auxiliares que chegarán a Galicia coa Comisión Fulbright, é previsible que aporten un alto valor engadido aos proxectos plurilingües, por exemplo en ámbitos como os de materias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), que son tamén obxecto de impulso por parte da Consellería de Cultura e Educación.