Educación e Fundación Paideia Galiza crean un premio extraordinario para artistas noveis
A Consellería colabora con esta entidade no impulso das ensinanzas profesionais e superiores de música
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e maila Fundación Paideia Galiza veñen de acordar unha colaboración conxunta para impulsar as ensinanzas profesionais e superiores de música en Galicia.
Ao abeiro desta colaboración -que foi ratificada entre o conselleiro Román Rodríguez e o vicepresidente de Paideia, Guillermo Vergara- créase o Premio Extraordinario Paideia Galicia-Consellería para artistas noveis que se lle outorgará ao alumno que obteñan a maior cualificación no proceso de selección convocado de acordo coas bases establecidas; así como dúas mencións de honra específicas.
O obxectivo deste galardón é promocionar e poñer en valor, no ámbito da música, a aqueles artistas galegos cunha traxectoria excelente que veñan de rematar os seus estudios profesionais de música nos conservatorios da Comunidade Autónoma. Como premio, o alumno ou alumnos seleccionados, terán dereito a gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun CD.
A maiores, tamén se concederán diversos premios a titulados de ensinanzas superiores de música na especialidade de interpretación dos conservatorios galegos. Estes galardóns consistirán en gravacións discográficas ou maquetas, ben como solistas ou ben en formacións camerísticas, e a súa posterior distribución e difusión.
A Consellería de Cultura e Educación encargarase de promover a convocatoria entre o alumnado dos conservatorios superiores de Galicia, así como a difundir a obra premiada.
Pola súa banda, a Fundación Paideia Galiza encargarase de ceder as súas instalacións e a sufragar os gastos que orixine a realización das gravacións.
Poderán concorrer a estes premios os alumnos dos conservatorios superiores da Coruña e de Vigo que cumpran unha serie de requisitos como acadar a cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra no traballo de fin de estudos na especialidade de interpretación e ter superado dito traballo no ano académico anterior ao da convocatoria dos premios, entre outros.
Este acordo enmárcase dentro das distintas iniciativas de colaboración conxunta que desenvolven a Consellería e a Fundación Paideia no ámbito educativo e do emprendemento.