O conselleiro de Educación visita co CEIP Montel Touzet tras as obras de mellora desenvolvidas no centro por valor de máis de 300.000 euros
Xesús Vázquez Abad recordou durante o percorrido que no marco desta importante reforma da cuberta tamén se arranxaron os falsos teitos e foi mellorada a instalación eléctrica e a conexión a Internet do recinto
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe pola mañá o resultado das melloras desenvolvidas no CEIP Montel Touzet, da Coruña.
Os traballos, que comezaron o pasado mes de xuño e remataron en outubro, supuxeron un investimento de máis de 300.000 euros; que se destinaron á substitución da carpintaría e da antiga cuberta por unha nova estrutura metálica, así como á colocación de placas impermeabilizantes aillantes e unha nova tela de remate. Asemade, as obras foron aproveitadas para realizar unha mellora no sistema eléctrico así como nas conexións a Internet do CEIP, no que estudan 161 nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria.
O percorrido ao centro
O conselleiro de Educación realizou a visita acompañado polo director do centro Ángel López Anca e parte do equipo directivo; así como pola xefa territorial de Educación na Coruña, María Teresa Villaverde Pais. Durante o percorrido Vázquez Abad destacou que “con esta obra damos resposta a unha demanda histórica dos pais e docentes relativa á mellora das instalacións no centro”.
Durante o percorrido o conselleiro tamén lembrou o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para manter os centros de ensino galegos nas mellores condicións, velando pola seguridade e benestar de toda a comunidade educativa malia á crise económica que afecta a todos os sectores da sociedade.
Deste modo, Vázquez Abad destacou o importante esforzo que se está a realizar na Coruña, onde no 2010 se investiron 16 millóns de euros en obras de melloras en centros educativos, dos que 3,5 foron para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana.