Educación anuncia a ampliación do IES Francisco Asorey, en Cambados, cun investimento total de máis de un millón de euros
A primeira fase das obras -que se licitarán ao longo deste mes- conta cun orzamento de preto de 251.000 euros
A actuación permitirá a implantación da FP Básica neste centro así como a adaptación dos ciclos formativos á LOMCE
O conselleiro Román Rodríguez asegurou que tan só neste ano, o seu departamento investirá máis de medio millón de euros na mellora de infraestruturas educativas no Concello de Cambados
O investimento total na comarca de Salnés-Arousa supera os 1,4 millóns de euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciará este mesmo ano a primeira fase das obras de ampliación do IES Francisco Asorey, en Cambados, cun investimento de 251.000 euros neste exercicio, dentro dun proxecto que acada un investimento total de máis de un millón de euros.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, explicou a importancia desta ampliación para poder atender á demanda da implantación da FP Básica neste centro, así como a adaptación dos ciclos formativos profesionais á LOMCE, que pasan a ter unha duración de 2.000 horas.
Román Rodríguez, -que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís-, explicou que se está ultimando a supervisión do proxecto coa idea de licitar as obras este mesmo mes de xullo. Deste xeito, os labores de ampliación comezarán unha vez iniciado o curso, aínda que en ningún caso interferirán no normal desenvolvemento das clases.
Sete novas aulas
Segundo establece o proxecto, para a ampliación do centro procederase á demolición dunha parte da cuberta existente e, a partires de aí, proceder á construción de novos espazos destinados a aulas e espazos polivalentes.
É dicir, que se substituirá a baixo cuberta actual por unha nova planta, de 600 metros cadrados útiles, que albergará un total de sete novas aulas (2 aulas polivalentes, 3 aulas taller e 2 aulas de desdobre), así como dous aseos e almacén de limpeza
A ampliación do IES Francisco Asorey enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas 2016-2020 deseñado pola Consellería de Educación, que ten como obxectivo mellorar a infraestrutura e o equipamento educativo para garantir unha educación pública de calidade.
Máis de 1,4 millóns de euros para 25 centros da comarca
O conselleiro Román Rodríguez subliñou que estas obras reflicten o compromiso do seu departamento coas infraestruturas educativas no Concello de Cambados, onde, tan só neste ano, inviste máis de medio millón de euros en catro centros escolares. Ademais da ampliación do IES Francisco Asorey, cómpre destacar as melloras no IES Ramón Cabanillas (coa cuberta da pista polideportiva e a iluminación do centro, así como obras de reparación no pavillón) por un importe de 133.000 euros; a dotación de aseos e ampliación da biblioteca no CEIP San Tomé (60.000 euros); e a reparación das ventás do CEIP Castrelo (outros 60.000 euros).
Os investimentos en infraestruturas educativas fanse extensivos a toda a comarca do Salnés-Arousa, onde a Consellería de Educación acometerá ao longo deste ano obras por un importe de case 1.429.000 euros, que permitirán melloras na dotación de infraestruturas de 25 centros escolares desta área.
Todos estes investimentos son posibles grazas ao Plan de Infraestruturas da Consellería 2016-2020, así como aos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central vén de recompensar a Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit marcado.