O conselleiro comprobou o resultado das obras de cambio de cuberta no CEIP Nosa Señora das Dores, en Forcarei
Xesús Vázquez Abad recordou que nesta obra se investiron mais de 176.000 euros
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá o CEIP Nosa Señora das Dores, no Concello de Forcarei, onde xa se remataron as obras de reforma da cuberta, nas que se investiron 176.053 euros. Posteriormente desprazouse ata Covelo, onde percorreu as instalacións do CEIP Antonio Blanco. En ambos casos estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
Durante a visita ao CEIP Nosa Señora das Dores, que realizou acompañado polo director, Celso García; Xesús Vázquez destacou que a obra realizada “é unha máis de todas as actuacións que se están a desenvolver desde a Consellería na provincia de Pontevedra, co fin de garantir a seguridade e o benestar de toda a comunidade escolar”. Ademais durante o percorrido polo centro, no que estudan 114 nenas e nenos, o conselleiro sinalou que o CEIP beneficiase desde este ano do programa ABALAR.
Cómpre recordar que xa esta rematada a instalación de todo o equipamento do programa ABALAR, en todos os centros educativos públicos galegos que foron seleccionados neste primeiro curso de implantación.
Posteriormente Vázquez Abad, xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, no concello de Covelo. Durante o percorrido estiveron acompañados polo director do centro, Juan Carlos Barbosa.
Neste centro o conselleiro de Educación comprobou as instalacións que en vindeiras datas, e segundo recordou Vázquez Abad, serán melloradas a través de actuacións nas fiestras, orzamentadas en 40.000 euros. Desta mellora beneficiaranse as 41 alumnas e alumnas de educación infantil do centro e os 93 que estudan en primaria.
En ambos os dous casos o conselleiro de Educación lembrou o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para manter os centros de ensino galegos nas mellores condicións, velando pola seguridade e benestar de toda a comunidade educativa malia á crise económica que afecta a todos os sectores da sociedade.