O conselleiro de Educación comprobou as melloras realizadas en centros educativos da Merca e Cartelle, en Ourense
Xesús Vázquez Abad visitou os CEIPs Joaquina Gallego Jorreto e San Marcos
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu conta hoxe en primeira persoa das melloras que o departamento que dirixe está a realizar en centros educativos da provincia de Ourense co fin de garantir a seguridade e o benestar de toda a comunidade escolar.
Así, Vázquez Abad visitou hoxe o CEIP Joaquina Gallego Jorreto, no Concello da Merca; e o CEIP San Marcos, no de Cartelle, ambos os dous na provincia de Ourense. Durante o percorrido por ambos os colexios o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e polos equipos directivos dos respectivos centros.
No CEIP Joaquina Gallego Jorreto, o conselleiro de Educación comprobou as obras de mellora, entre elas as de substitucións de canalóns, que se realizaron no 2010 neste centro. Así, lembrou que grazas a esta inversión en 2010 de case 18.000 euros, as 67 alumnas e alumnos deste colexio teñen agora unhas instalacións mellor preparadas para afrontar o curso escolar.
Así mesmo, e xa no CEIP San Marcos, Xesús Vázquez Abad visitou o ximnasio, que foi recentemente renovado pola Consellería, e que dá servizo aos 38 estudantes do colexio. En total, as melloras deste espazo, xuntos con diversos traballos de urbanización no centro e o seu recinto, ascenderon en 2010 a 44.500 euros.
En ambos os dous casos o conselleiro de Educación lembrou o esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para manter os centros de ensino galegos nas mellores condicións, velando pola seguridade e benestar de toda a comunidade educativa malia á crise económica que afecta a todos os sectores da sociedade.