Cultura e Educación distingue o traballo de innovación de oito centros galegos co primeiro Premio Proxecta 2016

Nesta primeira convocatoria concorreron un total de 49 centros públicos de toda Galicia, que participan no Plan Proxecta

Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilan entre os 6.000 euros do primeiro premio e os 2.000 dos dous terceiros

Xov, 23/06/2016 - 16:57

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de distinguir a oito centros das catro provincias galegas co Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016, un recoñecemento que busca consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros públicos participantes nos distintos programas do Plan Proxecta. Este galardón, por tanto, pon en valor as iniciativas dos centros que apostan pola metodoloxía do traballo por proxectos como esforzo de renovación metodolóxica. A resolución provisional pode consultarse no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_provisional_3.pdf.

A esta primeira convocatoria presentáronse un total de 49 centros: 15 da Coruña, 5 de Lugo, 3 de Ourense e 26 de Pontevedra. Os niveis de participación rexistrados nas dúas categorías foron semellantes: 23 colexios de infantil e primaria na categoría A e 26 de secundaria na categoría B.

Catro premios para cada categoría

Para ambas as dúas categorías establecéronse catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, e tamén se concederon dous accésits por categoría para recoñecer o mérito e o esforzo daqueles centros que presentaron unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio ten unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.

Premiados na categoría A

Nesta categoría, o primeiro premio foi para o CEIP de Arzúa, o segundo recaeu no CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui e os dous terceiros foron para o CEIP Plurilingüe de Frións de Ribeira e para o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo. Ademais, tamén se concederon dous accésit para o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba e para o CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa polo seu compromiso cos hábitos de vida saudables a través da participación en distintos programas do ámbito deportivo.

O CEIP de Arzúa destaca pola súa extensa traxectoria de participación nas distintas convocatorias do Plan Proxecta. Os seus traballos teñen ampla difusión nas webs temáticas, en prensa e televisión e reciben unha importante implicación do claustro e das familias nas súas diversas accións. A Consellería tivo tamén en conta o mérito deste centro na diversidade das accións que desenvolven dentro do traballo por proxectos. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui sobresae pola súa aposta decidida pola reciclaxe a través do proxecto ReciclArte. A orixinalidade do proxecto radica na presenza da creatividade artística aplicada sobre este ámbito.

En canto aos dous terceiros premios, o CEIP Plurilingüe de Frións aposta pola creación dunha tarefa integrada (‘O tempo en Frións’), derivada da súa participación no programa MeteoEscolas. Este traballo implica unha importante participación do claustro na integración da metodoloxía do traballo por proxectos nas distintas programacións didácticas. No caso do CEIP Plurilingüe San Marcos, a presenza do audiovisual é sempre unha constante nas súas sucesivas participacións no Plan Proxecta. Aproveitan os distintos recursos do centro, como o Abalar ou o E-dixgal, para xerar as dinámicas que necesitan.

Premiados na categoría B

Nesta categoría, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos conseguiu o primeiro premio, mentres que o segundo foi para o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. O IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e o IES Plurilingüe Fontexería de Muros lograron os dous terceiros. Os accésit foron para o CPI de San Vicente de A Baña e para o IES de Meaño, ámbolos dous con proxectos de recoñecida calidade pese a súa incipiente participación.

O IES Francisco Daviña Rey presenta unha iniciativa modélica de participación en traballo por proxectos en centros de secundaria, renovado curso a curso en distintos focos de atención. Hai un forte liderado do equipo directivo que promove esta metodoloxía e que favorece a integración dos recursos dos que dispoñen e das novidades tecnolóxicas ás que acceden. Ademais, destaca polo motor de aprendizaxe que representa o profesorado, sempre aberto á renovación.

O CPI Aurelio Marcelino Rey García vertebra o traballo do centro a través dun motivo temático que se renova curso a curso, que figura no proxecto educativo e que sempre desenvolve a educación en valores. A implicación do profesorado aumenta dunha convocatoria para outra, o que transmite a reprodución de dinámicas no centro e o liderado do equipo directivo no impulso á renovación metodolóxica.

Por último, o IES Manuel Chamoso Lamas destaca pola calidade dos seus traballos desenvolvidos no ámbito audiovisual, fundamentalmente a través do programa ‘Cine en curso’. O proceso de aprendizaxe esfórzase por estenderse máis alá do centro, chegando a unha parte importante da comunidade, que valora e recoñece o traballo do centro. A maiores, o IES Plurilingüe Fontexería realiza un importante traballo no ámbito da igualdade de xénero a través dos programas ‘Donas de si’ e ‘Por 365 días de respecto e igualdade’. O interese do centro pola coeducación é un obxectivo estratéxico recoñecido de xeito ambicioso no proxecto educativo.