A Xunta aplaude o gran éxito do programa ‘Navega con rumbo’, no que participaron máis de 5.000 estudantes
Estas charlas foron impulsadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Educación
A Xunta de Galicia considera un éxito o programa “Navega con rumbo polo Ciberespazo”, impulsado pola Secretaría Xeral e Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; que ten chegado a máis de 5.000 escolares que participan no Plan Abalar. Ademais, este proxecto resultou finalista dos premios concedidos o pasado 22 de decembro pola Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet).
O programa, desenvolvido ao longo de dous meses, tiña como obxectivo impartir charlas divulgativas para que os escolares realicen un uso responsable das TICs. A través deste programa, realizado en 34 centros da provincia da Coruña, 14 de Lugo 13 de Ourense e 28 de Pontevedra, máis de 5.000 estudantes, uns 500 profesores e 300 pais e nais recibiron indicacións para facer un uso responsable das novas tecnoloxías para poder aproveitalas ao máximo posible e adquirir boas experiencias e novos coñecementos.
Deste xeito deuse reposta á preocupación das familias e da comunidade educativa pola seguridade dos seus fillos e alumnos no uso das novas tecnoloxías, nomeadamente da internet. O Plan “Navega con Rumbo” incluíu unha serie de guías –das que se editaron 25.000 exemplares- dirixidas ao alumnado, ao profesorado e ás nais e pais; que asemade poden ser descargadas dunha web específica (www.edu.xunta.gal/navegaconrumbo/ ) e o xa aludido programa de visitas aos centros escolares, onde os enxeñeiros informáticos expoñen recomendacións e consellos para navegar por internet e participar nas redes sociais.
Premios Eganet
O proxecto “Navega con rumbo”, desenvolvido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Xunta, resultou finalista na categoría Educación Dixital dos premios concedidos por Eganet. O galardón foi recollido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
Cómpre recordar que este programa desenvólvese no marco do convenio establecido entre o CPEIG e a Secretaría Xeral e Modernización e Innovación Tecnolóxica, sendo unha das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
Neste mesmos premios tamén resultaron finalistas o Centro de Supercomputación de Galicia e Colexio Rural Agrupado de Boqueixón-Vedra: Comunidades Rurais Virtuais e o CEIP Nétoma-Razo, CEIP Joaquín Rodríguez Otero,e o CEIP O Graxal.
O gañador dos premios Eganet na modalidade de Educación Dixital foi o proxecto ‘O valor de IGU’, no que colaboraron as empresas Interacción e Imaxín.